A Real Banda de Gaitas, á que acceden estudantes da escola provincial, celebra estas catro décadas de ensinos e eventos por Galicia, España e polos cinco continentes
A Escola de Gaitas da Deputación Provincial de Ourense, co gallo do seu 40 aniversario, abre unha matrícula especial. Así, aínda que o curso académico se inicia o 1 de outubro para gaita, percusión, canto e pandeireta, manterase a posibilidade de matriculación ao longo do que resta de 2024 e durante todo 2025. O importe da matrícula na Escola de Gaitas é de 40 euros, e no caso de varios familiares próximos, o primeiro matriculado abonará 40 euros e os restantes 15 euros.
O director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo, explicou que a filosofía desta institución “mantivo como eixo un ensino encamiñado a dignificar o noso instrumento, de tal xeito que á escola acuden estudosos de toda Galicia e da península, mesmo con inscricións de fiferentes nacionalidades”.
Nestas catro décadas de historia da Real Banda e da Escola de Gaitas, a maioría dos concellos da provincia de Ourense conta ou contaron cunha delegación do centro, o que permitiu impartir clases a milleiros de persoas, ademais de permitir á Real Banda de Gaitas participar en multitude de eventos na provincia, en Galicia, en España e nos cinco continentes.
Actividades destacadas da Banda e Escola de Gaitas
Entre as actividades da Escola de Gaitas, merece especial atención a Xuntanza Internacional de Gaiteiros, pola que pasaron os máis destacados intérpretes do mundo, converténdose nun evento de referencia internacional que, actualmente celébrase no Castelo de Monterrei, e que está declarado de Interese Turístico de Galicia.
O Museo Internacional de Cornamusas, promovido polo propio Xosé Lois Foxo, na busca de vellas gaitas de Galicia, pero tamén doutros puntos da xeografía nacional e internacional. Na actualidade o museo conta nas súas instalacións da Escola de Gaitas, con máis dun cento de exemplares únicos, procedentes de Asia, África ou Europa, sendo o museo máis completo do mundo.
Ademais do ensino e o Museo de Cornamusas, as instalacións da Deputación de Ourense contan tamén cun arquivo no que se conservan a música de gaiteiros populares, festivais, cantoras e cantores de aldeas galegas… máis de 20.000 interpretacións en todo tipo de soportes sonoros, físicos e dixitais.
Todo un traballo que se completa coa publicación dun dos libros máis importantes no mundo da gaita, Os segredos da gaita, así como o Anuario da Gaita que conta con importantes colaboracións de especialistas en investigación histórica.