PUBLICIDADE

A Feira da Plantación de San Sadurniño volve bater a súa marca de postos inscritos

A Feira da Plantación de San Sadurniño volveu a superar o seu récord de postos inscritos nesta 28ª edición con 72 fronte aos 67 do 2024A Feira da Plantación de San Sadurniño volveu a superar o seu récord de postos inscritos nesta 28ª edición con 72 fronte aos 67 do 2024

A Feira da Plantación de San Sadurniño contará, o vindeiro domingo 27 de abril na leira da Cortiña á beira do Xubia, cun total de 72 postos, cinco máis que na edición de 2024

A 28ª Feira da Plantación de San Sadurniño volveu bater o seu récord de postos inscritos nunha edición que se desenvolverá, o vindeiro domingo 27 de abril, na leira da Cortiña á beira do río Xubia, e que xa é un evento consolidado e que serve de escaparate comarcal da primavera mostrando flor e plantas para xardíns, árbores, pés en verde para morteiros e todo o necesario para que os traballos agrícolas no exterior resulten exitosos.

Así, segundo o Concello, nesta nova edición da Feira da Plantación hai un total de 72 postos inscritos, superando o seu propio récord que foron os 67 do pasado ano 2024. Confírmase así, dende os seus inicios dende os anos 90 impulsada pola Asociación Cultural Bidueiro, a Feira da Plantación como un encontro comercial que reivindica a calidade, diversidade potencial do sector primario, especialmente no eido da produción de planta ornamental.

Ao mesmo tempo, a feira tamén é unha xornada de lecer chea de actividades complementarias para todas as idades, como os obradoiros para a cativada, un de sementes (12:30 horas) e outro de tintes naturais (17:30 horas) que ofertan 20 prazas, están dirixidos á rapazada de 4 a 12 anos, e cuxas inscricións pódense formalizar na carpa de información do Concello.

PUBLICIDADE

Tamén, a programación desta 28ª Festa da Plantación contempla demostracións de cociña sostible coa chef Naír González do restaurante mugardés Muelle 43, en dúas sesións (12:00 e 19:00 horas) e que inclúen a desgustación dos pratos preparados, nos que a cociñeira empregará produtos elaborados na Fusquenlla.

Ademais, haberá outras propostas como as charlas do doutor en Xeoloxía, Francisco Canosa, que falará sobre as rochas presentes no Xeoparque do Cabo Ortegal; música a cargo de Vai Rañala Meu, unha entidade con base en Sedes que se centra en tecer redes no rural a través da cultura ou as exhibicións de arte floral de Tania Couce (Floristería La Feria), cuxos centros e adornos sortearanse ás 14:00 e ás 19:30 horas entre todas as papeletas que se entregarán con cada compra.

A Feira da Plantación de San Sadurniño agasallará a todos os asistentes, como xa é tradicional, unha bolsiña de plantas doadas por Vivergal, empresa con sede en Santa Mariña do Monte e que colabora de xeito desinteresado coa organización dunha cita que conta co apoio tamén do Concello e da Deputación Provincial da Coruña.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.