PUBLICIDADE

A Festa das Carrozas do San Cidre de Oural combina un amplo programa de música e tradición

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e o conselleiro de Cultura, José Lopez Campos, primeiro e segundo pola esquerda, durante a presentación da LI Festa das Carrozas do San CidreO alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e o conselleiro de Cultura, José Lopez Campos, primeiro e segundo pola esquerda, durante a presentación da LI Festa das Carrozas do San Cidre

A Festa das Carrozas do San Cidre de Oural, que se desenvolverán do 16 ao 18 de maio, terán o domingo o tradicional desfile e concurso de carrozas elaboradas pola veciñanza nas últimas semanas

A veciñanza de Oural no Concello de Boqueixón xa ten todo listo para celebrar a edición número 51 da Festa das Carrozas do San Cidre, cun programa especial para celebrar a súa inminente declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia e que se desenvolverá do venres 16 ao domingo 18 de maio en Camporrapado.

Unha declaración da festa de Interese Turístico de Galicia que xa conta co visto bo da Comisión de Turismo de Galicia, polo que so resta a súa aprobación polo Consello da Xunta para que a distinción sexa efectiva e recoñeza este medio século de traballo por parte da veciñanza de Oural en Boqueixón. Por este motivo, a organización presentou para esta edición un amplo programa especial de actividades que combinan música, cultura e tradición para todas as idades e públicos.

Así, a LI Festa das Carrozas do San Cidre dará o seu pistoletazo de saída o venres 16 de maio coa tradicional procesión e misa na honra á Virxe de Fátima, ás 22:00 horas, amenizada polo grupo de gaitas Pena do Corvo. Unha hora antes, a Asociación das Carrozas de San Cidre organiza unha nova proxección do documental As Carrozas do San Cidre: costumes, agro e tradición, que terá lugar na Casa da Cultura de Camporrapado. Trátase dun traballo audiovisual que recompila momentos, anécdotas e recordos que forman parte do máis de medio século de historia desta celebración.

PUBLICIDADE

O sábado 17 de maio está programada unha sesión vermú co grupo Alaska, tras a misa cantada das 13:00 horas na honra á Virxe do Rosario. Os grupos Eureka e Alaska encargaranse da verbena para pechar a xornada da Festa das Carrozas e dar paso ao domingo 18 de maio, día grande da celebración da veciñanza de Oural.

A exposición de carrozas abre o día grande da festa

O domingo 18 de maio, día grande da festa, ás 11:00 horas terá lugar a tradicional mostra e exposición de carrozas diante do bar O Nervioso, que sairán en desfile unha hora despois xunto á Charanga BB+ e á parella de bois co carro. Uns vehículos nos que a veciñanza de Oural levan semanas traballando, como ben puideron comprobar recentemente durante unha visita, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, que se achegaron xunto ao alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e o concelleiro de Cultura, Gonzalo Redondo Rendo.

Unha visita na que puideron comprobar o minucioso traballo da veciñanza de Oural para honrar ao patrón dos labregos cunha mostra das distintas tarefas relacionadas cos seus traballos diarios. Cincuenta anos nos que a tradición foi tamén evolucionando, pasando dos carros tirados por vacas ás actuais carrozas a motor.

Contra as dúas da tarde, coñeceranse as propostas gañadoras do Desfile de Carrozas do San Cidre, coincidindo co pregón da festa que correrá a cargo de Adrián Díaz, presentador da TVG. Previamente, ás 12:00 horas, desenvolverase a misa na honra a San Cidre, con tirada de foguetes e actuación da Asociación Cultural Folclórica O Fiadeiro. A sesión vermú será amenizada polo Grupo Fussión e a Charanga BB+, acompañando á tradicional degustación de petiscos e viño en cada carroza

A partir das cinco da tarde o programa inclúe actividades para os máis cativos, con inchables e unha sesión de Zumba Kids da man de Priscilla Dance. O fin desta nova edición da Festa das Carrozas do San Cidre poñerano, a partir das 18:00 horas, o Grupo Fussión e a orquestra La Fórmula.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.