PUBLICIDADE

Arzúa impulsa Galegifate, para promover o uso dixital do galego a través de GIF’s animados

Captura de pantalla da páxina web da campaña do Concello de Arzúa, Galegifate, dende a cal se poden crear, descargar ou subir os GIF's animados en lingua galegaCaptura de pantalla da páxina web da campaña do Concello de Arzúa, Galegifate, dende a cal se poden crear, descargar ou subir os GIF's animados en lingua galega

A campaña Galegifate nace tamén co propósito de poñer en valor expresións propias do galego, moitas delas en risco de desaparecer, levándoas ao terreo dixital representadas en GIF’s animados

O Concello de Arzúa vén de poñer en marcha Galegifate, unha campaña innovadora que busca promover o uso da lingua galega nas plataformas dixitais a través de GIF’s animados, co obxectivo de achegar o idioma á comunicación visual e expandilo en espazos nos que aínda ten pouca presenza.

Vivimos tempos de comunicación inmediata e visual, nos que expresamos emocións, reaccións e ideas a través de imaxes en movemento. GIF’s, emoticonas e stickers converten o noso xeito de falar en contido visual, que circula a gran velocidade polas redes sociais e aplicacións de mensaxería. Así, o Concello de Arzúa pon en marcha Galegifate ante a falta de representación da lingua galega neses formatos dixitais nos que merma a súa presenza, e con ela, a súa vitalidade e transmisión entre xeracións.

A través da conta oficial de Galegifate en plataformas como GIPHY e Pinterest, os usuarios poden atopar GIF’s organizados por temáticas (expresións galegas, gastronomía, flora e fauna, tradicións, Camiño de Santiago… e descargalos ou compartilos de xeito doado.

PUBLICIDADE

A campaña Galegifate nace tamén co propósito de poñer en valor expresións propias do galego, moitas delas en risco de desaparecer, levándoas ao terreo dixital no que poidan manterse vivas, ser empregadas e recoñecidas.

Galegifate é un proxecto aberto e colaborativo, no que animadores, ilustradores e creadores de contido poden sumar os seus propios GIF’s en galego usando as etiquetas #Galegif e #Galegifate, favorecendo así a súa difusión e accesibilidade a todos os públicos.

A web oficial da campaña (www.galegifate.com) ofrece información detallada, guía de uso, FAQs e acceso directo á descarga das aplicacións de GIF’s, así como aos recursos visuais dispoñibles. Con Galegifate, o concello de Arzúa reafírmase como referente na promoción da cultura e da lingua galega, tamén no eido dixital.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.