PUBLICIDADE

Recuperan o Premio Terra de Melide á Defensa da Lingua

Xuntanza dos representantes servizos de Normalización Lingüística do Concello e dos centros educativos para recuperar o Premio Terra de Melide á Defensa da LinguaXuntanza dos representantes servizos de Normalización Lingüística do Concello e dos centros educativos para recuperar o Premio Terra de Melide á Defensa da Lingua

A recuperación do Premio Terra de Melide, que recoñece o labor de persoas e entidades a prol da lingua galega, anunciouse tras a reunión dos servizos de Normalización Lingüística do Concello e dos centros educativos do municipio

O Concello de Melide recuperará o Premio Terra de Melide á Defensa da Lingua, que recoñece o labor de persoas e entidades a prol do idioma galego. Foi o principal acordo que resultou da reunión mantida entre a concelleira de Normalización Lingüística, Ana Mosteiro, e os equipos homónimos dos tres colexios da vila (Nº1, A Martagona e Mestre Pastor Barral) e do IES de Melide, así como o técnico municipal da área.

O Premio Terra de Melide á Defensa da Lingua Galega recoñeceu, ao longo das súas sucesivas edicións, o labor a prol do uso, coñecemento e difusión da lingua galega por parte de todo tipo de entidades e persoas vencelladas a Melide. Entre os galardoados de anteriores edicións atópanse o Museo da Terra de Melide, as asociacións culturais O Castelo e Charamela, ou o activista cultural Mingos de Pita, a título póstumo.

Durante a xuntanza mantida, o Concello e os equipos de Normalización Lingüística dos centros educativos de Melide acordaron tamén continuar a desenvolver unha relación estreita de colaboración que permita a realización de accións e actividades comúns que impliquen a mocidade na promoción e uso da lingua galega.

PUBLICIDADE

Melide e a súa comarca é un dos territorios do país con maior porcentaxe de galegofalantes habituais, tal e como se recolle nos sucesivos estudos divulgados polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Dende o Concello de Melide, continuarase a traballar para que o municipio sexa un exemplo de normalidade no uso da lingua propia do país.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.