Este mesmo mes, o Concello rematará os trámites iniciados en novembro para ascociarse con esta Ruta Europea e reforzar a proxección internacional da Festa do Queixo
O Concello de Arzúa segue a dar pasos importantes para ampliar e reforzar a proxección internacional da Festa do Queixo, que este 2025 celebra o seu 50 aniversario. Nesta ocasión, o Goberno local, que iniciou os trámites o pasado novembro, asociarase este mesmo mes de febreiro coa Ruta Europea do Queixo.
Unha adhesión que supoñerá un recoñecemento á importancia da localidade no sector queixeiro, e un impulso para a proxección internacional da Festa do Queixo de Arzúa, que celebrará a súa 50ª edición os días 14, 15 e 16 de marzo, coverténdose ademais no primeiro evento queixeiro en Galicia dun concello asociado a esta Ruta Europea do Queixo.
A Ruta Europea do Queixo, creada en 2014, agrupa municipios de diferentes rexións do vello continente, co obxectivo de promover o desenvolvemento local a través da cultura e da tradición queixeiras. Na actualidade, está conformada por 19 municipios queixeiros de 9 rexións de Europa. A incorporación de Arzúa a esta rede, abre novas oportunidades de cooperación e intercambio con outras zonas produtoras, fortalecendo a identidade do queixo de Arzúa-Ulloa e situando ao municipio nun contexto gastronómico de prestixio.
Formar parte da Ruta Europea do Queixo é un paso estratéxico para potenciar o noso produto estrela e poñer a nosa festa no mapa de Europa. Queremos que Arzúa sexa un referente dentro e fóra de Galicia, e esta adhesión axúdanos a avanzar neste camiño” (Xesús Carril, alcalde do Concello de Arzúa)
A asociación Ruta Europea do Queixo comprométese a fomentar a protección e a promoción dos queixos tradicionais europeos, apoiando ás pequenas produtoras e produtores e garantindo a sustentabilidade da produción queixeira. Ademais, promove iniciativas que impulsan o turismo gastronómico e a investigación sobre as técnicas de elaboración, asegurando a preservación deste legado cultural para futuras xeracións.
A Festa do Queixo 2025, que celebrará o seu medio século de historia, incluirá actividades especiais e contará coa presenza de representantes doutros municipios queixeiros europeos, fortalecendo os lazos creados a través desta nova colaboración. A asociación Ruta Europea do Queixo poderá coñecerse máis de preto, así como o traballo que desenvolve, os días 15 e 16 de marzo no seu posto de información na festa, no recinto feiral Terra do Queixo.




