A primeira edición da Carreira Terra do Queixo de Arzúa, o 9 de marzo, consistirá nunha proba de 13,3 Km que combina deporte, tradición e patrimonio
A Casa de Correos do Concello de Arzúa acolleu, o pasado 7 de febreiro, a presentación da primeira edición da Carreira Terra do Queixo. Unha proba na que os seus participantes percorrerán 13,3 quilómetros entre Melide e Arzúa, polo Camiño de Santiago, que servirá de pistoletazo de saída para celebrar o 50 aniversario da Festa do Queixo e que combina deporte, tradición e patrimonio.
Así, a Igrexa de Santa María, no Concello de Melide será o escenario no que se dará a saída desta I Carreira Terra do Queixo o vindeiro domingo 9 de marzo, ás 10:00 horas, e terá a súa chegada na arzuana Capela da Madalena. Os participantes, aos que se lles ofrecerá unha degustación de queixo de Arzúa-Ulloa ao remate da carreira, transitarán pola contorna de Melide, pasando por Boente, Casteñeda, e Ribadiso de Baixo ata chegar á vila arzuana.
Os representantes da organización, liderada polo Concello de Arzúa, a SD Compostela Tambre-Lengüelle e a Federación Galega de Atletismo, aseguraron durante a presentación que esta primeira Carreira Terra do Queixo nace coa vontade de consolidarse como unha cita de referencia do atletismo popular, ao tempo que une á práctica deportiva coa identidade cultural de Arzúa, así como para promocionar o comercio local.
O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, destacou durante a presentación desta I Carreira Terra do Queixo, que “esperamos que esta sexa a primeira de moitas edicións e que acabe por consolidarse como unha proba deportiva de referencia”, e avanzou que “de cara ao futuro, estudaremos a posibilidade de engadir unha proba sobre unha distancia de 21 quilómetros“.
Os interesados en participar nesta primeira edición da Carreira Terra do Queixo de Arzúa, que contará con servizo de autobuses e gardarroupa, poden consultar toda a información, ou formalizar as súas inscricións na páxina web www.carreirasgalegas.com.



