O aniversario da emblemática Sala Capitol, que se inaugurou como cine en 1935, esgotou hai varios días as entradas, e Fran Villasenín avanzou sobre os grupos sorpresa que “un é de Rhythm&Blues e outro Punk, os dous de fóra de Galicia”
A Sala Capitol de Santiago cumpre 90 anos. O emblemático espazo que forma parte da vida cultural e social da cidade desde 1935 como sala de cine, conmemora este case século de vida cunha festa, mañá venres 14 de novembro, “que xa está a ser moi exitosa” porque “non quedan entradas desde hai varios días”, asegura Fran Villasenín que xunto ao seu irmán Andrés e outros socios puxéronse ao fronte do local hai pouco máis dun ano, tomando o relevo de Fran Senín que o rehabilitou e acondicionou como sala de concertos no ano 2003.
A festa para conmemorar estos 90 anos da Sala Capitol conta cun amplo programa que se iniciará co acendido das luces da fachada a cargo de Iluminaciones Santiaguesas (19.30 horas). Posteriormente, os asistentes poderán desfrutar dos pinchos a cargo de Bodegas Martín Códax para, e contra as 21.00 horas tomará a testemuña o grupo de teatro Chévere que relatará sobre o escenario A verdadeira historia do Capitol.
Desde que foi reconvertida en sala de concertos a Capitol foise facendo un oco como lugar de referencia galega, nacional e internacional do panorama musical, sendo un dos espazos da comunidade nos que todos os artistas queren actuar, sobre todo pola súa boa acústica. Neste sentido, a festa ten prevista a actuación de varios Djs, dos que non se coñecerán os nomes ata o mesmo día do aniversario, do mesmo xeito que os das dúas bandas que se subirán ao escenario previamente.
“Só podo dar algunha pista, trátase de dous grupos de moi diferentes xéneros musicais, moi na liña na que nós solemos programar. Ambos son de fóra de Galicia, un fai Rhythm&Blues e outro Punk“, avanzou Fran Villasenín quen puxo en valor a importancia da Sala Capitol para a cidade e para a veciñanza ao longo dos anos, “un espazo importante que se merece unha gran celebración”, matizou.
Así, segundo relata Fran Villasenín “só levamos un ano ao fronte, pero queremos seguir dando pulo á sala e manter o nivel cunha variada programación que combine estilos, formacións e artistas de diferentes xéneros e de todos os países, dirixidos a todas as franxas de idade”. No caso da celebración destes 90 anos, para a que xa non quedán entradas, Villasenín estima que a idade dos asistentes “partirá duns 33 anos cara arriba, e serán principalmente composteláns”.
O cine Capitol, edificado no ano 1935 e que foi evolucionando ao longo dos anos converténdose discoteca e posteriormente en sala de concertos, foi desde o seu nacemento un dos lugares centrais da cultura e da sociedade compostelá. A sala albergou un cine ata finais dos 90, no que todas as xeracións de picheleiros e picheleiras tiveron nel a suas primeiras experiencias co sétimo arte e que queraron marcadas a fogo nas súas retinas.
A primeiros do Século XXI, pechou as súas portas e quedou no abandono durante largos anos, ata que o empresario compostelán, Fran Sanín, decidiu recuperalo e reconstruilo no 2003, mantendo a súa esencia como o cine emblemático que foi para os santiagueses, pero dándolle novos usos, primeiro como discoteca e, posteriormente, tamén como sala de concertos, converténdose nunha sala de referencia da música nacional e internacional.
Tras un parón no 2007, a Sala Capitol reabriu as súa portas como sala de concertos, ata que os hermanos Andrés e Fran Reixa Villasenín, xunto a outros socios, decidiron en setembro do ano pasado ponerse ao fronte dunhas instalacións nas que ademais de música, tamén se pode asistir a funcións teatrais, proxeccións de cinema, ou á organización de diferentes eventos culturais e sociais.





