O Cross de Santiso celebrará a súa corenta edición o 30 de maio de 2026 e abrirá o prazo de inscrición este 16 de novembro con 500 prazas para adultos, 300 para infantís e 200 para a andaina
O Cross de Santiso, unha das probas máis lonxevas do calendario galego e que se disputará o 30 de maio de 2026, abrirá o prazo de inscrición este domingo 16 de novembro (21.00 horas) para participar na carreira que suma con esta a súa corenta edición.
O Cross de Santiso trátase dunha festa deportiva que pouco a pouco foi collendo pulo e foise facendo cun nome dentro do eido das probas do calendario galego. A inscrición ábrese para todas as categorías, e nesta edición, como en anteriores haberá un límite de prazas, xa que o obxectivo da organización é poder dar un servizo de calidade e manter o nivel acadado nestes últimos anos.
Así, a corenta edición do clásico Cross de Santiso ofertará un total de 500 prazas na categoría adulta-absoluta, 300 para o grupo das categorías infantís e 200 para as persoas que queiran participar na andaina.
Tanto as persoas maiores coma a cativada esperan con ansia o Cross de Santiso, no que cada ano a festa é maior, mais non perde o espírito e as motivacións coas que naceu, aló polo ano 1986, da man duns mestres e dunhas mestras do Colexio de Visantoña.
Co mestre Manolo Castro e cos demais integrantes do claustro, botouse a andar a emblemática proba de Santiso, o que se convertiría co paso das sucesivas edicións tamén nunha xornada de convivencia entre escolares e toda a veciñanza da bisbarra. Unha proba que medrá en cada nova edición tanto en público como en participanción.
O Cross de Santiso, coma proba deportiva e coma festa familiar, goza de boa sona e moita saúde en todo o país, de sobra coñecida entre os e as atletas, pois hoxe en día é a carreira galega con máis nivel dentro das probas sen premios en metálico, tamén para o público máis pequeno.



