PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Alberto Rey, nomeado Peregrino de Honra de Padrón, reivindica o Camiño da Pedronía

Alberto Castro Rey durante a súa intervención tras ser nomeado Peregrino de Honra do Concello de PadrónAlberto Castro Rey durante a súa intervención tras ser nomeado Peregrino de Honra do Concello de Padrón

O técnico de Turismo do Concello de Padrón recibiu esta distinción do alcalde, Anxo Arca, no marco dos actos co gallo do Día do Peregrino

Alberto Rey Castro , técnico de Turismo, foi nomeado Peregrino de Honra do Concello de Padrón e reivindicou, durante os actos nos cales recibiu esta distinción, o Camiño da Pedronía. No marco das celebracións do Día do Peregrino, o alcalde de Padrón, Anxo Arca, entregoulle esta distinción, o pasado 13 de setembro a Alberto Rey, que o acredita como embaixador padronés e do camiño.

Os actos comezaron coa recepción do rexedor e os membros da Corporación municipal ao galardonado, que asinou no Libro de Honra do Concello. Dende alí, a comitiva traladouse á igrexa parroquial de Santiago acompañada pola Banda de Música Municipal de Padrón.

Tras a Misa do Peregrino, na que participaron amigos e familiares do homenaxeado, así como numerosos veciños e veciñas, o alcalde Anxo Arca destacou que esta distinción “recoñece o labor profesional, e sobre todo o compromiso persoal de Alberto Rey”.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Ademais, Anxo Arca dirixiuse ao galardoado para destacar tamén o seu coñecemento, a súa profesionalidade e a súa paixón “que permitiron, e permiten, que milleiros de persoas descubran a esencia que fai de Padrón un lugar único”.

Grazas ao teu traballo, Padrón deixou de ser simplemente un punto de paso no Camiño para converterse nun destino de referencia, onde os peregrinos atopan non só historia e acollida, senón unha conexión profunda coa tradición xacobea”

Pola súa banda, Alberto Rey remarcou que a súa vida sempre estivo vencellada dalgún xeito “ao Pedrón, á ara romana na que amarraron a barca que transportaba os restos do Apóstolo, e que é a orixe do fenómeno xacobeo”.

O galardoado, que recibiu unha réplica do Pedrón, tamén reivindicou o Camiño da Pedronía, e defendeu que a Xunta de Galicia “debe recoñecer como itinerario Xacobeo de pleno dereito o trazado histórico do Camiño entre Santiago e Padrón. Está na obriga de oficializalo como prolongación xacobea“.

Por todo isto, Alberto Rey convidou ás autoridades municipais e á veciñanza a “seguir loitando pola reivindicación deste camiño histórico, dun Camiño que une a Europa do Camiño xacobeo por escelencia“.

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.