PUBLICIDADE

Altamira Brilla inicia a súa cuarta edición para conmemorar a histórica batalla do Val da Maía

Un dos concertos da pasada edición de Altamira Brilla, festa que conmemora a histórica batalla do Val da Maia e que organizan os Concellos de Ames e BriónUn dos concertos da pasada edición de Altamira Brilla, festa que conmemora a histórica batalla do Val da Maia e que organizan os Concellos de Ames e Brión

A cuarta edición da festa Altamira Brilla, organizada polos Concellos de Brión e Ames para conmemorar a histórica batalla, comeza mañá e inclúe no seu programa música, concerto, ruta teatralizada ou unha representación teatral

Altamira Brilla, a festa histórica do Val da Maía, organizada polos Concellos de Ames e Brión, xunto coa Deputación da Coruña, para conmemorar a Batalla de Altamira, comeza a súa cuarta edición mañá venres e rematará ao día seguinte, o sábado 14 de xuño.

Altamira Brilla regresa para celebrar a súa cuarta edición cun amplo programa de actividades durante dúas xornadas, que inclúe a actuación dos grupos de pandeireteiras de Ames e Brión, o concerto do grupo Carmela, unha ruta teatralizada polos escenarios máis significativos da batalla e unha representación teatral a cargo do grupo Os Quinquilláns.

As actuacións musicais e maila representación teatral serán no impresionante marco escénico que conforman as Torres de Altamira, no lugar de A Torre, en Brión; mentres que na ruta teatralizada percorreranse os escenarios da Batalla de Altamira, no concello de Ames, para despois rematar nas Torres. Toda a información sobre as actividades (inscricións, percorridos, actuacións, representación…) pódese consultar nesta ligazón.

PUBLICIDADE

As Torres de Altamira son un monumento patrimonio da Deputación da Coruña, considerado Ben de Interese Cultural e situado nun espazo privilexiado que o converte nun magnífico miradoiro sobre o Val da Maía. Construídas no século IX, as Torres foron derrubadas no século XIV e construídas de novo en 1471. Altamira Brilla ten como obxectivo poñer en valor o monumento, así como recuperar a memoria histórica da batalla, que tivo lugar o 13 de xuño de 1471 entre as tropas do arcebispo Alonso Fonseca II e Lopo Sánchez Moscoso.

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.