PUBLICIDADE

Comezan as visitas guiadas e teatralizadas de Padrón para descubrir a súa historia

As visitas guiadas e teatralizadas do Concello de Padrón desenvolveranse durante os meses de xullo, agosto e setembroImaxe extraída do cartel anunciador da visita guiada 'Sedis Iriensis' a cargo do divulgador histórico Suso Martínez

As visitas guiadas e teatralizadas, organizadas polo Concello en colaboración coa agrupación teatral os Quinquilláns e co divulgador histórico Suso Martínez, desenvolveranse durante os meses de xullo, agosto e setembro

O Concello de Padrón vén de presentar a nova programación de visitas guiadas e teatralizadas que se desenvolverán durante os meses de xullo, agosto e setembro. O obxectivo desta iniciativa é poñer en valor o patrimonio histórico, cultural, artístico e literario da vila.

As visitas guiadas e teatralizadas están organizadas en colaboración coa agrupación teatral Os Quinquilláns e co divulgador histórico Suso Martínez, e están dirixidas tanto á veciñanza como ás persoas que visitan a localidade durante a época estival.

A programación inclúe tres propostas diferentes que permiten coñecer episodios históricos e figuras senlleiras de Padrón, como o traslado dos restos do Apóstolo Santiago ou a vida de Rosalía de Castro, a través de percorridos comentados e representacións en vivo.

PUBLICIDADE

A primeira das actividades será a visita teatralizada Camiño branco de Rosalía, a cargo do grupo Os Quinquilláns. Un percorrido polas pegadas vitais e literarias da autora, con paradas en lugares emblemáticos da súa biografía. Desenvolverase os mércores 2, 8, 16, 23 e 30 de xullo, en galego, ás 20:00 horas, con saída desde Fondo de Vila.

A cargo de Suso Martínez, a segunda proposta leva por título Sedis Irienses e permitirá afondar na historia dunha das sedes episcopais máis antigas de Galicia. A visita comeza no adro da Igrexa de Santa María a Maior de Iria Flavia e inclúe unha parada no cemiterio de Adina. Terá lugar os venres 1, 8 e 22 de agosto, tamén ás 20:00 horas.

A terceira das actividades será a visita guiada A Traslatio, que ofrece un percorrido guiado por Suso Martínez que segue o lendario roteiro do traslado dos restos do Apóstolo Santiago. As visitas realizaranse os venres 5, 12, 19 e 26 de setembro ás 20:00 horas, cun punto de encontro situado en Fondo de Vila.

As visitas son gratuítas, pero é necesario realizar a inscrición previa a través da páxina web de turismo do Concello: www.padronturismo.gal/inscricions.

Con esta iniciativa, o Concello de Padrón consolida a súa aposta pola cultura como motor de dinamización social e turística, ao tempo que contribúe á divulgación do seu valioso legado histórico e literario.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.