PUBLICIDADE

As bibliotecas municipais de Ames inician hoxe novas sesións de contacontos para as crianzas

A biblioteca municipal do Milladoiro, no Concello de Ames, acollerá xunto coa de Bertamiráns o regreso das sesións de contacontosA biblioteca municipal do Milladoiro, no Concello de Ames, acollerá xunto coa de Bertamiráns o regreso das sesións de contacontos

As bibliotecas do Concello tamén desenvolverán multitude de activividades de fomento da lectura como un obradoiro para alumnado a partir de 3º de primaria ou un concurso de debuxo

As bibliotecas municipais de Bertamiráns e O Milladoiro abren o ano con novas sesións de contacontos para as crianzas do Concello de Ames, así como variadas actividades de fomento da lectura, entre as que se atopan un obradoiro para rapaces e rapazas de 3º de primaria en diante ou o xa tradicional concurso de debuxo.

A programación de contacontos deste ano 2026 dará comezo este mes de febreiro e alongarase ata o mes de xuño. É por iso que os días, hoxe 10 de febreiro, mañá 11 e pasado 12, a partir das 17:30 horas, a biblioteca de Bertamiráns acolle as primeiras sesións de Bicos e biquiños. Esta actividade tamén se celebrará no Milladoiro os días 24, 25 e 26 á mesma hora. Para inscribirse, as persoas interesadas en ir ás sesións do Milladoiro, deberán facelo entre o 16 e o 21 de febreiro.

Xa no mes de marzo, será a quenda de Serpes, bruxas e animais. Desta volta, chegará á biblioteca de Bertamiráns o martes 10, mércores 11 e xoves 12, ás 17:30 horas. Deseguido, a semana seguinte, chegará á biblioteca do Milladoiro os días 24, 25 e 26, tamén ás 17:30 horas. O prazo de inscricións para Bertamiráns irá do 2 ao 7 de marzo, mentres que para O Milladoiro será do 16 ao 21.

PUBLICIDADE

Coa chegada da primavera, os contacontos continúan coa súa programación. No mes de abril chega Animais comellóns a ambas bibliotecas municipais: en Bertamiráns haberá sesión os días 14, 15 e 16 de abril, ás 17:30 horas; no Milladoiro, a actividade desenvolverase á seguinte semana, os días 21, 22 e 23, tamén ás 17:30 horas. Tamén haberá contacontos en maio con Macedonia de contos, en Bertamiráns os días 5, 6 e 7 dese mes, e no Milladoiro os días 26, 27 e 28. En ambas bibliotecas ás 17:30 horas.

Para inscribirse en calquera das sesións de contacontos, as persoas interesadas deberán enviar un correo electrónico, dentro do prazo estipulado para cada actividade, ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal coa seguinte información: nome, apelidos, idade e un número de teléfono de contacto. Todas as sesións de contacontos están dirixidas a nenas e nenos de 3 a 8 anos.

Ademais dos contacontos, o departamento de Bibliotecas ten preparada unha programación máis extensa cuxo obxectivo é fomentar o hábito lector na cativada. Durante estes seis meses, a rapazada a partir de 3º de Primaria poderá gozar de diversos obradoiros para celebrar distintos días sinalados en referencia á literatura e á cultura.

En conmemoración do Día de Rosalía, os nenos e nenas que participen elaborará fundas de feltro para libros e un caderno de lecturas, o venres 27 de febreiro, ás 17:00 horas na biblioteca do Milladoiro, e ao día seguinte, o sábado 28, ás 11:30 horas na biblioteca de Bertamiráns.

Para celebrar o Día do Teatro, os cativos e cativas elaborarán os seus propios monicreques cunha culler de pau. Esta actividade levarase a cabo o venres 20 de marzo, ás 17:00 horas, na biblioteca do Milladoiro, e o sábado 21 de marzo, ás 11:30 horas, na biblioteca de Bertamiráns.

No Día do Libro, os nenos e nenas de 3º de Primaria en diante poderán desfrutar do obradoiro Cal é o teu libro favorito? Será os días 24 de abril, ás 17.:00 horas na biblioteca do Milladoiro e o 25 de abril, ás 11:30 horas, na biblioteca de Bertamiráns. Por último, o 17 de maio, en conmemoración do Día das Letras Galegas, organizarase un obradoiro especial.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.