PUBLICIDADE

O ciclo Atardecer no Gaiás sube o pano o xoves 3 de xullo co concerto de The Rapants

A formación galega The Rapants abrirá a XV edición do ciclo de concertos Atardecer no Gaiás este xoves 3 de xulloA formación galega The Rapants abrirá a XV edición do ciclo de concertos Atardecer no Gaiás este xoves 3 de xullo

O ciclo de concertos Atardecer no Gaiás, que suma a súa décimo quinta edición, inclúe a actuación de balde na Cidade da Cultura de 15 artistas en 11 datas, todos os xoves e venres do 3 de xullo ao 21 de agosto

O ciclo de concertos Atardecer no Gaiás, que organiza a Consellería de Cultura, abrirán esta nova tempada coa actuación de The Rapants o vindeiro xoves 3 de xullo, unha das bandas galegas con máis proxección dos últimos anos. Os de Muros traerán á Cidade da Cultura o pop surfeiro e alegre do seu último disco, La máquina del buen rollo, galardoado co premio ao mellor álbum en galego nos Premios MIN da música independente estatal.

En total, o ciclo inclúe durante este verán 11 datas e 15 artistas de estilos diversos entre os que hai electrónica, pop, rap e música urbana e ritmos latinos. Todos os concertos serán os xoves e venres entre o día 3 de xullo e o 21 de agosto (agás os días 24 e 25 de xullo e 14 e 15 de agosto) ás 21:00 horas na praza central da Cidade da Cultura, con entrada de balde.

Atardeceres no Gaiás dá protagonismo ao talento galego

No cartel desta décimo quinta edición de Atardecer no Gaiás o talento musical de Galicia ocupa un lugar destacado, con 11 artistas do país. Ademais de The Rapants, subirán ao escenario no Gaiás Eris Mackenzie, coa súa emocional combinación de electrónica minimalista e música tradicional galega, a viguesa de raíces brasileiras Lua de Santana cunha proposta bailable na que resoa a música club, o soul e os ritmos afrolatinos, e o dúo galego-portugués Mocho Gris, que expande os límites sonoros do pop ibérico combinando elementos do jazz, o fado e a tradición galega.

PUBLICIDADE

O elenco galego complétase co pop cargado de sintetizadores e resacas emocionais de La Toñi, a electrónica urbana das pontevedresas afincadas en Berlín, Melodiam, a actuación do coñecido DJ compostelán Kike Varela e os tres grupos gañadores do certame Xuventude Crea 2024, impulsado pola Xunta de Galicia: Sara Gimeno coa súa fermosa voz de R&B, o indie de Lontras e o trío de saxo e teclado Slimak.

Tamén o rapeiro vigués Dirty Suc compartirá escenario cunha das figuras máis destacadas a nivel estatal dentro do xénero do hip-hop: o madrileño Al Safir, nunha xornada que Atardecer no Gaiás dedicará en exclusiva á música urbana, o xoves 17 de xullo.

De Madrid chegará tamén Futurachicapop, que porá o peche a esta edición co seu pop cargado de sintetizadores e melodrama o xoves 21 de agosto, noite que contará tamén coa actuación do DJ Kike Varela.

Propostas internacionais do XV Atardecer no Gaiás

O XV Atardecer no Gaiás mantén a súa vontade de achegar ao público galego artistas internacionais con propostas frescas e innovadoras. Nesta ocasión, será cos concertos dos incansables exploradores chilenos dos ritmos latinos, Calle Mambo, e da lisboeta Ana Lua Caiano, renovadora do folclore portugués en conexión coa música electrónica e unha das artistas do país veciño con maior proxección na actualidade.

O ciclo Atardecer no Gaiás, que volve contar en 2025 co patrocinio de Cervezas Alhambra, encádrase na campaña Para gustos, cultura, promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para levar máis de 3.400 actividades de 40 tipoloxías diferentes por toda Galicia ao longo do verán.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.