O Festival do Río Castro, que se desenvolverá o vindeiro sábado 5 de xullo na Bóla, ao pé da ponte medieval, é unha das citas culturais de Ferrolterra con máis sona que organiza a AVV O Castelo de Narahío e que nesta edición estivo orzamentada nuns 22.000 euros
O XXX Festival do Río Castro contará co a poio do Concello de San Sadurniño, logo do acordo asinado polo concelleiro de Desenvolvemento Local, Manolo Varela, e polo presidente da AVV O Castelo de Narahío, David Dopico, para o desenvolvemento desta 30ª edición, que terá lugar na Bóla, ao pé da ponte medieval, o vindeiro sábado 5 de xullo.
En virtude do convenio de colaboración, o Concello de San Sadurniño aporta unha subvención nominativa de 6.500 euros, que servirán para sufragar parte dos custes da organización do XXX Festival do Río Castro, que este ano conta cun orzamento duns 22.000 euros.
Tal e como se destaca no documento asinado, o Festival do Río Castro de San Sadurniño é unha cita cultural “con características únicas” na comarca de Ferrolterra, que ten como un dos seus grandes obxectivos “dar a coñecer tanto a música tradicional como as bandas que propoñen cousas novas mantendo o espírito de raíz”.
De cara a conseguir esa finalidade, O Castelo de Narahío levou a cabo o pasado 31 de maio a cita de presentación do programa desta nova edición que comezará este sábado coa sesión vermú coa música de Sérralhe Aí!. O Festival do Río Castro continuará na sobremesa cos xogos e enredos tradicionais con SEDEGA, a actuación de Peter Punk Pallaso e a competición de deporte rural.
Xa pola noite será a quenda da formación Vai Rañala Meu! que fará un percorrido polas trinta edicións do Festival do Río Castro de San Sadurniño; o grupo compostelán Ailá, e pechará esta nova edición, xa ben entrada a noite, a Orquestra Bravú Xangai.
A AVV Castelo de Narahío orzamentou a presentación, que contou coas actuacións de Os Cantaberneiros coa colaboración municipal a través da Rede Cultural, e o propio festival nuns 22.000 euros, sufragados pola entidade con recursos propios, e cos 6.500 da subvención nominativa do Concello de San Sadurniño.
Ademais, a asociación de veciños organizadora da Festa do Río Castro tamén ten presentado hai un tempo a solicitude para optar á liña de axudas a festivais musicais que convoca anualmente a Deputación da Coruña, e que aínda está pendente de resolución.
Segundo o acordo asinado, que se circunscribe á 30ª edición do Festival do Río Castro, a cambio da achega municipal O Castelo de Narahío asume todos os aspectos organizativos como a contratación dos grupos, produción, loxística, publicidade…, e cuxos gastos deberá acreditar coas correspondentes facturas e documentos de pagamento.
Outros compromisos que se desprenden do convenio son a utilización do galego en toda a comunicación, reflectir na publicidade o financiamento municipal e o apoio ao Xeoparque do Cabo Ortegal e á colaboración co Concello de San Sadurniño en materia de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero.
Ademais, este ano o Festival do Río Castro tamén subscribiu unha carta de colaboración mutua co Chanfaina lab e co Festival Irmandiño de Moeche. Unha colaboración que non implica custes económicos, senón máis ben o compromiso na difusión e, de ser preciso, na loxística organizativa das actividades que se desenvolvan.
O primeiro tenente de alcalde e responsable de Desenvolvemento Local, Manolo Varela, apuntou que a fórmula da subvención nominativa “simplifica a colaboración entre o Concello e O Castelo para a organización dun dos principais eventos culturais do noso municipio, que este ano fai trinta edicións apostando pola música, a cultura e o ambiente”.
O edil reiterou que a contía dedicada ao evento “móvese na mesma cifra que percibía O Castelo nas convocatorias de subvencións para cultura e deportes, que ía case na súa totalidade para cubrir os gastos do festival”. Varela precisou, ademais, que a sinatura do convenio “impide, de acordo coa normativa municipal, que a asociación concorra á convocatoria anual de axudas para entidades, de maneira que haberá máis fondos dispoñibles para distribuír entre elas“.
Toda a información sobre o XXX Festival do Río Castro pode consultarse nas redes sociais da Asociación Veciñal O Castelo de Narahío ou na web www.festivaldoriocastro.gal.




