O Premio de Novela Curta Alén, impulsado polo Concello de Ares e Hércules de Ediciones, ten como obxectivo promover a creación literaria en lingua galega arredor do fenómeno da emigración
O xurado do III Premio de Novela Curta Alén, que conceden o Concello de Ares e Hércules de Ediciones, vén de anunciar o seu fallo co que recoñecen como obra gañadora Á hora sinalda do escritor nado en Culleredo, Rafael Catoira.
O Premio de Novela Curta Alén, cunha dotación económica de 2.000 euros, conleva a publicación da novela por parte do selo editorial coruñés, que se presentará o 17 agosto como parte do programa da sétima edición do Ares Indiano.
O xurado, composto por Blanca Roig Rechou, Rocío García Pedreira e Laura Rodríguez Herrera, decidiu por unanimidade declarar gañadora á novela de Catoira, presentada baixo o seudónimo de Mar Ártabro, que destacou a calidade tanto da súa proposta como do resto de obras presentadas nesta nova edición do premio de novela curta.
Así, o xurado do Premio de Novela Curta Alén vén de premiar unha historia escrita en primeira persoa e que afonda na memoria dun home que regresa a Galicia despois de toda unha vida emigrado. A través dunha voz pausada e íntima, reconstrúe os espazos físicos e emocionais da súa infancia, os vínculos co país natal e a pegada do tempo transcorrido fóra. A obra inscríbese na tradición da literatura da emigración galega, ofrecendo unha ollada serena e reflexiva sobre a identidade, o desarraigo e o regreso.
Rafael Catoira (Culleredo, 1951) dedicouse á actividade empresarial, mais tamén centrou parte do seu tempo nas letras. Como autor, gañou o segundo premio do XXXIX Certame literario do Concello de Vilalba; o primeiro accésit en poesía da XX edición do Certame literario Manuel Orestes Rodríguez López do Concello de Paradela; e o primeiro accésit en narrativa no mesmo certame. Ten publicado o libro de poemas Navegando cara a Ítaca.
O Premio de Novela Curta Alén
O Premio de Novela Curta Alén, impulsado polo Concello de Ares e Hércules de Ediciones, ten como obxectivo promover a creación literaria en lingua galega arredor do fenómeno da emigración. Dende a súa creación en 2023, consolidouse como unha iniciativa cultural de referencia na comarca.
Na súa primeira edición, o premio foi concedido á escritora Nones Araújo pola novela A Madriña, mentres que na segunda resultou gañadora Susana Fraguela con Enfiando a vida. Cada ano, a entrega do galardón enmárcase dentro do festival Ares Indiano, que rende homenaxe á memoria e pegada da emigración na vila e na sociedade galega.



