A Festa Ibicenca de Brión, que contou coa participación dunhas 60 persoas maiores, serviu para despedir, ata a primeira semana de outubro, a tempada da iniciativa municipal dos Bailes dos Domingos
A Festa Ibicenca do Concello de Brión pechou a tempada da iniciativa municipal dos Bailes dos Domingos. Unha gran festa que tivo lugar o pasado 22 de xuño no Centro Social Polivalente brionés, que contou cunhas 60 persoas maiores e que serviu de despedida ata primeira semana de outubro, cando retomarán estas xornadas na súa edición 2025-2026.
Os maiores de Brión participaron vestidos totalmente de branco e gozaron dunha xornada de festa e boa compañía. A música en directo púxoa a cantante local Ruth Cundíns. A concelleira de Servizos Sociais, Rosa Romero, agradeceu a participación dos maiores “tanto nesta xornada de despedida como durante todo o ano” e lembrou que agora en xullo darán a coñecer as Xornadas de Verán para maiores de 60 anos.
Xornadas de verán para maiores de 60 anos
As xornadas de verán desenvolveranse durante todo o mes de xullo e inclúen catro excursións, dúas a Ribadavia e dúas a Mondoñedo, por 15 euros, dirixidas á veciñanza maior de 60 anos e cónxuxes empadroados no Concello de Brión.
Mantemos un programa que tivo unha gran acollida o ano anterior e melloramos nun aspecto que nos indicaron os propios maiores: optamos por repetir os destinos, de forma que todos os veciños poidan visitar os dous destinos e non como o ano pasado, no que tiñan que elixir dous de catro” (Rosa Romero, concelleira de Servizos Sociais)
Así, as datas para a excursión a Ribadavia serán o mércores 2 de xullo e o martes 22 de xullo. Unha viaxe con guía que inclúe unha visita e degustación a unha adega da zona. En Laias terá lugar o almorzo e visitarase non só Ribadavia, senón tamén O Carballiño.
No caso das viaxes a Mondoñedo, as saídas terán lugar o martes 15 de xullo e o mércores 30 de xullo. Inclúen visita guiada á catedral e ao Museo da Imprenta, almorzo en Ribadeo e visita guiada á vila pola tarde.



