PUBLICIDADE

Cecilia F. Santomé gaña o Premio de Novela Blanco-Amor con ‘Boundaries Road SW12 8HD’

Cecilia F. Santomé é a gañadora do XLIV Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor da Deputación de Ourense (Foto: Te Valcárcel)Cecilia F. Santomé é a gañadora do XLIV Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor da Deputación de Ourense (Foto: Te Valcárcel)

A obra de Cecilia F. Santomé foi seleccionada de entre un total de 75 orixinais que foron presentados ao certame da Deputación de Ourense

Cecilia F. Santomé, escritora vilalbesa, é a gañadora do XLIV Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor, dotado con 15.000 euros e unha escultura de Acisclo Manzano, pola súa obra Boundaries Road SW12 8HD, que narra a historia de Cilla, unha tradutora galega de 30 anos emigrada en Londres que aluga unha habitación na casa dunha parella acomodada.

A novela de Cecilia F. Santomé foi seleccionada de entre un total de 75 orixinais presentados a esta nova edición do certame, o número máis alto de traballos presentados na historia deste premio, o máis veterano e de maior prestixio da novela en lingua galega. Tal é a relevancia do premio, que tres dos galardoados foron despois recoñecidos co Premio Nacional de Narrativa (Marilar Aleixandre, Xesús Fraga e Alfredo Conde).

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, como entidade que organiza este galardón en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco Amor, deulle os parabéns a autora nunha conversa telefónica. Entregaráselle o premio nunha gala literaria o próximo 5 de decembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

PUBLICIDADE

O xurado valorou o estilo “moderno” da obra de Cecilia F. Santomé , que dialoga coa literatura actual. Para os membros do xurado, sobresae a “creación dun universo narrativo con gran pegada poética”, así como as personaxes “elaboradas con moita coherencia”. A transición da historia doméstica da protagonista en Londres entronca coa historia do éxodo xudeo de Exipto, unha conexión que para os membros do xurado lle dá “gran profundidade á novela”.

Por outra banda, o xurado tamén puxo en valor a “introdución da corrente de conciencia da narradora” e a temática da obra, que se achega á nova emigración en Europa e se desenvolve cun ton “de alto ritmo”, indica o xurado.

O fallo do premio da Deputación tamén recolle a voz narrativa “neurótica, culta, irónica e introspectiva” da narradora, Cilla. Ademais, pon en valor unha prosa “moi condicionada, cun vocabulario rico e un ritmo que oscila entre a descrición minuciosa e a reflexión filosófica”. Deste xeito, a obra recolle referencias culturais a Stendhal, Picasso ou a música ska.

O xurado foi presidido por Luis González Tosar, xunto con Heitor Mera, César Lorenzo e Inés Mosquera, actuando como secretaria Noelia García Díaz.

Cecilia F. Santomé, traxectoria

Cecilia Fernández Santomé (San Simón, Vilalba, 1984) é tradutora, narradora e lingüista. Ten participado en proxectos de xornalismo colaborativo como Toonari Post ou 55 Pages, ademais de codirixir a revista en liña Coolt.

En 2017, recibiu o Premio Literario Nortear para a mocidade escritora de Galicia e do Norte de Portugal polo seu relato 34, Rue Saint Jacques. En 2021, obtivo o terceiro premio no Certame de Narracións Breves Manuel Murguía por As orfas daquel verán. Tamén é autora das novelas Quérote. Eu tampouco (Xerais, 2019), Unha rapaza de provincias (Xerais, 2021) e As despedidas (Xerais, 2024).

O xurado do XLIV Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor que recaeu en Cecilia F. Santomé
O xurado do XLIV Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor que recaeu en Cecilia F. Santomé
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.