Xociviga, Festival Internacional de Curtametraxes do Carballiño, pechou con éxito de asistencia unha cita na que se proxectaron 32 curtas de 22 países durante catro días
Xociviga, Festival Internacional de Curtametraxes do Carballiño baixou o pano da súa segunda edición desde o cambio do formato impulsado no 2024 con éxito de asistencia. Do 19 ao 23 de novembro, o Auditorio Manuel María acolleu a proxección de 32 curtametraxes de 22 países que foron valoradas polo xurado e polos espectadores. A organización do festival recolleu ao longo das 9 sesións máis de
500 papeletas do voto do público, o que dá conta da boa acollida por parte da poboación.
Os directores artísticos do Xociviga, os irmáns Mario e Daniel Fernández Filloy, valoran moi en positivo os datos de participación acadados nesta segunda edición, tanto nas proxeccións coma nas actividades paralelas. “Xa estamos pensando na edición do ano que vén, que promete seguir amosando as mellores curtas internacionais e sumando asistentes nun certame que recuperou o seu lugar como evento cultural de relevancia no Carballiño e na rede de festivais de cinema galegos”, apuntan.
Pola súa parte, o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, pon en valor o traballo realizado polos directores e dá conta da importancia deste tipo de festivais para o concello. “É un orgullo que O Carballiño acolla obras inéditas a nivel estatal e galego, incluso estreas mundiais como ‘As maos da pulpeira’, que levará o nome da nosa vila por festivais de todo o mundo”, explica.
As proxeccións incluíron a estrea de 18 curtas internacionais en Galicia e 4 en España. O edil tamén destaca o papel do festival para os novos creadores e creadoras, que o valoraron “moi en positivo” como plataforma para dar a coñecer o seu traballo.
Premios Xociviga 2025
O domingo foi a quenda da entrega dos premios desta nova edición do Xociviga. Así, o premio ao Mellor Videoclip foi para Equilibrar (Hugo Guezeta e Guadi Galego) dirixido por Adrián Diaño. A Mellor Dirección de Fotografía Xove correspondeulle Aaron Vilariño por Romance de la Luna Luna de Jimena Herrero.
Furia de Fran Moreno e Santi Pujol Amat recibiu o premio a Mellor Curta Xénese, nunha categoría na que recibiu unha Meción de Honra, El príncipe nigeriano de Marcel Sespulgues. Paula Pereira recolleu o galardón á Mellor Curta Galega polo seu filme Algo novo que contar, mentres que o Premio do Público foi para Les dernières neiges dirixida por Sarah Henoschesberg.
Por último, o premio á Mellor Curta Internacional Xentes conseguiuno Nothing Happens After That de Ibrahim Omar, con Mencións de Honra para Cao Sozinho de Marta Reis Andrade e The Man Who Could Not Remain Silent de Nebojša Slijepčević.






