O concerto, que será “unha viaxe pola música tradicional galega”, terá lugar ante 600 persoas no Auditorio Abanca de Santiago o sábado 14 de decembro
A Requinta da Laxeira e a Escola de Música de Santa Cruz de Ribadulla, no concello de Vedra, ofrecerán un concerto, ante 600 persoas, no Auditorio Abanca de Santiago o vindeiro 14 de decembro (19:30 horas). Neste concerto participarán un total de 67 músicos, dos que 12 pertencen á Requinta da Laxeira con idades entre os 18 e os 45 anos; e 55 músicos integrantes da EM de Santa Cruz de Ribadulla, de entre 8 e 16 anos.
Este concerto, explicou Fernando Rey, director da EM de Santa Cruz de Ribadulla, durante a presentación, “será moi especial, no que faremos unha viaxe pola música tradicional galega xunto aos compañeiros de Requinta Laxeira, e precisou que este concerto “supón retomar un ambicioso e ilusionante proxecto” que estaba previsto para o 17 de maio de 2020, pero tivo que ser suspendido pola pandemia da Covid-19.
Xerardo Albela, integrante da Requinta da Laxeira, asegurou durante a presentación do concerto, que “para nós é tamén un pocuco pechar o ciclo deste instrumento que é a requinta, e particularmente das formacións que tocaban a requinta porque gran parte do seu repertorio procedía de bandas de m´sucia como Ribeira Vella ou a Banda de Música de Santa Cruz de Ribadulla. E agora é a Requinta da Laxeira quen lle pasa repertorio á banda de música para que lle dea nova vida”.
O alcalde do Concello de Vedra, Carlos Martínez, parabenizou aos integrantes de ambas formacións musicais, “dous dos motores da cultura do concello”, que coas súas variadas iniciativas “conseguen poñer a Vedra no Mapa”, e salientou que a Escola de Música “é o mellor obradoiro de emprego de Vedra, e así o mostra a gran cantidade de músicos profesionais que agromaron desta agrupación”.
O rexedor asegurou que as 600 prazas do concerto de Santiago non van ser suficientes para acoller un concerto deste nivel, e anunciou “un par de actuacións máis en Vedra” para á veciñanza que por diversos motivos non poderá asistir á actuación en Compostela.
O concerto será de balde
O concerto será de balde, previa invitación por parte das dúas entidades organizadoras. A maiores haberá un número de localidades reservadas ao público en xeral, que se poderán solicitar a través das Redes Sociais de A Requinta da Laxeira e a Escola de Música de Santa Cruz de Ribadulla. Unhas entradas que poderán recollerse no auditorio Abanca de Santiago o 14 de decembro, unha hora antes da actuación.