PUBLICIDADE

Convocan o Premio Laudamuco para Textos Teatrais, o de maior dotación económica de Galicia

O Concello de Brión convoca o VII Premio Laudamuco para Textos Teatrais, o de maior dotación económica en GaliciaO Concello de Brión convoca o VII Premio Laudamuco para Textos Teatrais, o de maior dotación económica en Galicia

O VII Premio Laudamuco para Textos Teatrais, organizado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas, pecha o prazo de recepción de orixinais o 30 de xaneiro de 2026

O VII Premio Laudamuco para Textos Teatrais vén de ser convocado. Un certame que organizan conxuntamente o Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas, e que é o galardón teatral de maior dotación económica en Galicia: 7.000 euros e edición da obra gañadora a cargo de Edicións Positivas.

Unha iniciativa que busca “incentivar e apoiar a dramaturxia en lingua galega e contribuír ao recoñecemento da figura e obra do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, por todo o que representou e representa para a nosa cultura en xeral e para Brión, en particular”, explicou o alcalde brionés, Pablo Lago, durante o anuncio da convocatoria.

Poderán optar a este galardón autores de calquera nacionalidade que presenten unha obra dramática inédita e nunca antes premiada, sempre que estea escrita en lingua galega. O tema e a extensión da obra son libres e o prazo de admisión de orixinais, que deben presentarse exclusivamente en formato dixital, rematará ás 23:00 horas do 30 de xaneiro de 2026.

PUBLICIDADE

Para participar, as persoas interesadas deberán enviar un mail a premiolaudamuco@concellodebrion.gal, indicando no Asunto o texto “VII Premio Laudamuco” e anexando dous arquivos: o texto da obra coa que se concursa en formato PDF e unha plica tamén en PDF.

O xurado do premio estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito da arte teatral, proposto pola Academia Galega de Teatro. Actuará como secretario/a a persoa elixida por maioría entre os membros integrantes. Na proposta de resolución do xurado haberá unha única obra gañadora. Unha vez emitida a súa resolución, procederase á apertura da plica gañadora nun acto público que terá lugar na terceira semana do mes de abril. O veredicto do xurado, que poderá declarar deserto o premio, será inapelable.

A entrega do Premio Laudamuco terá lugar o 16 de maio de 2026, no transcurso dun acto organizado polo Concello de Brión co gallo do 48 aniversario da posta en escena de Laudamuco, señor de ningures, obra de Vidal Bolaño, estreada en maio do 78, e da que toma o nome este galardón.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.