A 39ª edición de Cineuropa, festival internacional de cinema, desenvolverase do 7 ao 23 de novembro, contará coa proxeccción de 140 filmes e multitude de actividades paralelas
Cineuropa regresa un novembro máis ás pantallas de Compostela para celebrar o cinema como espazo de encontro, de reflexión e de liberdade.
A 39ª edición de Cineuropa desenvolverase do 7 ao 23 de novembro, e subirá o pano coa proxección da película iraquí The President’s Cake, Cámara de Ouro á Mellor Ópera Prima no Festival de Cannes. Coa exhibición deste filme dáse inicio a unha edición que reunirá 140 películas procedentes de todo o mundo e un amplo abano de debates, encontros, ciclos e actividades formativas.
A responsable de Capital Cultural do Concello de Santiago, Míriam Louzao, a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, e o director da 39ª edición de Cineuropa, José Luis Losa, adiantaron durante a presentación os aspectos máis destacados da programación.
Baixo o lema Saír do outono e da clandestinidade, o festival convida a recuperar o pracer colectivo da sala escura como antídoto contra os discursos do odio e a incerteza contemporánea. “Cada filme é unha tesela dun mosaico de culturas, linguas e emocións, un discurso coral da arte, que é a mellor linguaxe coa que encarar o presente e mais o porvir”, sinalou o seu director José Luis Losa.
Entre as grandes citas do calendario internacional, Cineuropa proxectará o León de Ouro da Mostra de Venecia, o Oso de Ouro de Berlín, o Leopardo de Ouro de Locarno e o Gran Premio do Xurado de Cannes, ademais doutros filmes dos festivais citados e doutros certames internacionais como San Sebastián, Bos Aires ou Sitges.
Unha programación que acollerá obras de Paolo Sorrentino, François Ozon, Olivier Assayas, Richard Linklater, Joachim Trier, Radu Jude, Lucile Hadzihalilovic, Pietro Marcello, André Téchiné, Lucrecia Martel, Hafsia Herzi, Dag Johan Haugerud, László Nemes ou Alice Winocour, entre outros.
Cineuropa 39, sección oficial
Na Sección Oficial Europea poderán verse títulos como Sentimental Value, Árva, Ciudad sin sueño, Couture, Dreams, Duse, Elisa, Emergency Exit; Late Shift, Sound of Falling, Kontinental ‘25, L’Étranger, La grazia, La petite dernière; La tour de glace, Le mage du Kremlin, Les gens d’à côté, Mother’s Baby, Nouvelle Vague, O riso e a faca ou Pai Nosso, entre moitos outros.
O Panorama Internacional, pola súa banda, propón un percorrido pola diversidade global contemporánea a través de nove filmes que están a marcar a tempada nos principais festivais de realizadores como Jim Jarmusch, Kleber Mendonça Filho, Hasan Hadi; Lucrecia Martel, Bi Gan, Ana Clara Ribeiro, David Pablos, Laura Casabé; e Hiroshi Takahashi. Un programa de altísimo nivel artístico que reflicte a vitalidade, complexidade e compromiso do cinema actual.
A sección competitiva Cineastas do presente chega á súa quinta edición, coa participación de 11 filmes procedentes de once países. Entre os títulos a concurso destacan Unha pantasma útil, gañadora da Semana da Crítica en Cannes e premiada tamén en Sitges; La danse des renards, Pillion e Météors; Punku ou Bajo las banderas, el sol, premiadas en Berlín e Bos Aires; Milk Teeth e Anoche conquisté Tebas, chegadas de Venecia; God Will Not Help, galardoda en Locarno; e Feels Like Home, distinguida co Premio Méliès de Prata a mellor filme europeo en Sitges. Unha selección que confirma o compromiso de Cineuropa coa nova autoría internacional e coa diversidade de voces que están a renovar o cinema contemporáneo.
Aposta de Cineuropa pola creación propia no panorama audiovisual galego
O Panorama Audiovisual Galego reafirma a aposta de Cineuropa pola creación propia. Este ano, a sección inclúe a estrea galega de Así chegou a noite, o novo filme de Ángel Santos que pechará o festival; ou filme como Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras ou 360 curvas, sobre as mobilizacións sociais da Fonsagrada nos anos 90, entre outra ampla variedade de producións locais.
Cineuropa tamén contará no programa con múltiples actividades como debates, encontros, sesións especias ou proxeccións con música en directo. O Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX, e a Zona C volverán a ser as sedes dun festival do que se poderán mercar as entradas e bonos a partir do 5 de novembro.



