PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

A Coral de Ruada recolleu o galardón honorífico, que conceden as deputacións provinciais e a Xunta, nun acto no paraninfo do IES Ramón Otero Pedrayo

A Coral de Ruada, agrupación musical con sede en Ourense, recibiu onte 10 de decembro o Premio Otero Pedrayo. Un galardón honorífico que conceden as deputacións provincias co apoio da Xunta, que nesta ocasión correspondeu á deputación ourensana, e que recolleu a presidenta da Coral de Ruada, Fátima Malingre durante un acto no paraninfo do IES Ramón Otero Pedrayo.

Malingre, tras recibir o premio en nome da Coral de Ruada, puxo en valor a agrupación como “testemuña dun século de historia no que percorreu camiños difíciles e fermosos”, sempre co obxectivo de “preservar as nosas tradicións”, dixo durante un acto no que tamén participaron o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, o conselleiro de Cultura, José Campos, e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, entre outros.

Luis Menor lembrou durante a súa intervención que a Coral de Ruada agromou no ano 1918, dous anos antes que a Revista Nós, na cidade de Ourense, estando moi vencellada ao movemento galeguista con moitos dos membros da Xeración Nós como o propio Otero Pedrayo, Vicente Risco ou Florentino López Cuevillas. “Un símbolo cultural intrínseco a Ourense que ten o respecto, o cariño e a admiración de todos e todas nós”, dixo o presidente provincial para o que a Coral de Ruada “ten un protagonismo destacado e sempre merecido na banda sonora orixinal da nosa provincia”.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

A Coral de Ruada recibiu o galardón honorífico “polo seu papel moi destacado na defensa e difusión da nosa cultura e da nosa lingua“, valorou o xurado o día que decidiu premiar á agrupación musical centenaria. José Campo, pola súa banda, puxo en valor a “traxectoria impecable e extraordinaria” da agrupación ourensá e incidiu no “orgullo de celebrar os valores do galeguismo que sabemos transmitir en Galicia en xeral, e na provincia de Ourense, berce do galeguismo, en particular”.

O Premio Otero Pedrayo é un galardón honorífico que conceden dende 1977 as deputacións provinciais galegas, co apoio da Xunta de Galicia. O premio é de carácter rotatorio e nesta edición correspondeulle a súa organización á Deputación de Ourense, motivo polo que o acto de entrega do mesmo tivo lugar na cidade.

A historia da Coral de Ruada

Fundada no 1918 polos ourensáns Fabriciano Iglesias, Xabier Prado Lameiro, Xulio Prieto Nespereira, Virxilio Fernández e Cesáreo Eire, presentouse no Salón Apolo de Ourense o día 24 de xuño de 1919, e en Madrid en 1920.

Na actualidade centra o seu labor na difusión dos temas folclóricos galegos e a polifonía galega e universal nas Sociedades Culturais de Galicia, España e o estranxeiro. Ademais do coro, ten a Escola de Música Tradicional Virxilio Fernández,  o Grupo de Teatro Xabier Prado-Lameiro, e a Escola de Baile Coral de Ruada.

A formación participa tamén en numerosos actos institucionais, colaborando co Concello de Ourense, Deputación, Catedral de Ourense e Xunta de Galicia. Ademais, a Coral de Ruada organiza todos os anos o Premio Xabier Prado Lameiro, as xornadas LembradeNÓS, o Certame De Ruada, o Concerto dos Amigos no Teatro Principal e o Concerto de Nadal na Catedral de Ourense.

Dende o ano 2022 preside a Xunta de Goberno da Coral Fátima María Malingre Grande. A formación está composta, actualmente, por 42 voces mixtas, 10 instrumentistas (gaita, percusión, zanfona, piano e órgano) e 16 bailaríns, baixo a dirección de Xoán Antón Vázquez Casas.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.