O xornalista e escritor Diego Giráldez gañou o Premio de Novela Blanco-Amor polo seu traballo ‘As obras póstumas’, nun certame ao que se presentaron 49 orixinais
O xurado do XLIII Premio de Novela Blanco-Amor anunciou o pasado 1 de decembro o seu fallo, nun certame, que organiza a fundación do escritor ourensán que conta co apoio da Deputación de Ourense, e ao que se presentaron un total de 49 orixinais, o dobre que na pasada edición (21).
Así, o xornalista e escritor porriñés, Diego Giráldez, co seu traballo As obras póstumas é o vencedor desta nova edición do Premio de Novela Blanco-Amor, o máis veterano e de máis prestixio da novela en lingua galega. Diego Giráldez recibirá o seu premio, consistente en 15.000 euros e unha figura do escultor Acisclo Manzano, nun acto que se desenvolverá no marco dun acto literario no Liceo de Ourense o vindeiro 13 de decembro (20:00 horas).
O xurado do Premio de Novela Blanco Amor, elixiu a obra de Giráldez polo “estilo directo, rico e cargado do simbolismo” nun traballo que conta a historia dunha escritora que, ante a diagnose de demencia, reflexiona sobre a vida e sobre o seu traballo. A prosa elaborada de As obras póstumas, engade o fallo, “xera unha atmósfera estremecedora sobre o tempo e a memoria, e mostra a crúa realidade sobre o tratamento da enfermidade mental no pasado, sen caer en estereotipos”.
O propio Diego Giraldez manifestou nas súas redes socias que, tras recibir a nova a través dunha chamada do presidente provincial, Luis Menor, “non podo estar máis feliz, As obras póstumas, seguramente é o máis bonito que escribín nunca”, ademais de agradecer ao xurado a elección da súa novela.
Obra do XLIII Premio de Novela Blanco-Amor
Diego Giráldez García (O Porriño, 1976) é licenciado en Historia da Arte, xornalista, escritor e comunicador. Conta con experiencia en distintos medios escritos e dixitais e fundou as revistas Kalaikia, Malladoura e CanZine.
Como autor, publicou o seu primeiro traballo literario en 2016, titulado Galería de saldos. Trala súa primeira incursión na narrativa cun libro de relatos curtos, foi elixido como Autor galego do ano pola revista Fervenzas Literarias. En 2019, chegou ás librarías a súa primeira novela, Hotel para coleccionistas discretos. Posteriormente, colaborou noutras obras conxuntas ata que en 2022 viu a luz a súa segunda novela, O meu sangue. En 2024, Giráldez mergúllase na narrativa infantil co conto Xulia e as cóxegas das nubes, publicado xunto a ilustradora MeliMolita.
O autor porriñés conta co premio literario Manuel Murguía e con accésits en outros galardóns. Ademais, en 2020 e 2022 quedou finalista do Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego.