O Centro Marcos Valcárcel acolle a exposición do fotógrafo Manuel Outumuru nun traballo en colaboración co Ourense Film Festival e a Deputación de Ourense
A exposición O anxo que nunca fun, do fotógrafo Manuel Outumuro, xa se pode visitar no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense. Unha mostra que afonda na cultura visual contemporánea con imaxes inéditas de Outumuro que compoñen “un relato a través dos recordos da miña infancia e a posterior influencia que estes puideron ter na miña obra posterior”, explicou o fotógrafo durante a presentación da mostra.
O ourensán Manuel Outumuro está especializado nos retratos, e ao longo da súa traxectoria capturou as instantáneas de centos de persoeiros contemporáneos de todos os eidos, como deportistas, actores, directores, modelos ou escritores… para publicacións nacionais e internacionais de referencia. Neste sentido, destacou o presidente da Deputación, Luis Menor, “o seu estilo único e o valor engadido do seu traballo é incalculable porque cada un dos seus retratos é unha obra de arte”.
Durante a presentación da exposición, organizada a través do traballo colaborativo do propio autor coa Deputación de Ourense e co Ourense Film Festival (OUFF), Manuel Outumuro explicou que das máis de 20 exposicións que fixo ao longo da súa carreira, esta é a primeira na que hai unha importante implicación persoal.
Unha exposición froito do traballo dos últimos 10 meses
Inma Cortés, unha das comisaria da exposición xunto con Silvia Omedes, explicou que esta mostra é froito do traballo desenvolvido nos últimos 10 meses durante os cales se investigou no fondo fotográfico do autor que representa e xestiona a Fundación Photographic Social Vision. “Este traballo consistiu en localizar todas aquelas imaxes que mellor plasmaran a influencia que tivo na súa obra posterior a súa infancia en A Merca e en Ourense”, engadiu Cortés.
O director do Ourense Film Festival, Miguel Anxo Fernández, asegurou que para o OUFF é “un motivo de orgullo participar como copatrocinadores desta exposición, un proxecto tan persoal de Manuel Outumuro, ao que lle estamos moi agradecidos por ter deseñado o vistoso cartel para o festival deste ano”, e destacou “esta tan orixinal como magnífica exposición, que transcende máis alá de Ourense e na que asoma a mirada singular do seu prestixioso autor“.
A exposición O anxo que nunca fun, do fotógrafo Manuel Outumuro pode visitarse no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación Provincial de Ourense ata o vindeiro 6 de xaneiro de 2025.