A muller queixeira protagoniaza a imaxe gráfica da Festa do Queixo, composta por 5 carteis, na que tamén se homenaxea aos produtores, á tradición e á cultura
A muller queixeira protagoniza o cartel principal do 50 aniversario da Festa do Queixo dunha imaxe gráfica que o Concello de Arzúa vén de presentar, e na que ademais se homenaxea ás queixeiras, aos visitantes, ás traballadoras e traballadores, á música e ao presente e futuro da festa. Unha imaxe gráfica, composta por cinco carteis conmemorativos, cargada de simbolismo, tradición e esforzo para celebrar o medio século de vida desta xa consolidada festa que aúna gastronomía, música e cultura.
A Queixería Barral foi o lugar elixido para dar a coñecer a imaxe desta 50ª Festa do Queixo de Arzúa, un traballo do deseñador Daniel Camino, quen explicou que o cartel principal destaca a figura feminina da queixeira, vestida con traxe tradicional e portando un queixo que simboliza o esforzo, a dedicación e o orgullo destas mulleres que foron fundamentais na historia da festa. A imaxe, cargada de simbolismo, pon no centro á muller traballadora, reflectindo o papel crucial que estas figuras desempeñan no ámbito rural e na conservación da tradición queixeira galega.
Os carteis da 50ª Festa do Queixo de Arzúa, elaborados cunha técnica de ilustración que utiliza unha paleta de cores vivas, renden homenaxe ás mulleres queixeiras e a todas as persoas que, dende as súas orixes, traballaron pola festa e o recoñecemento do queixo de Arzúa ou participaron dela.
Cada un dos cinco carteis homenaxea a diferentes grupos da comunidade: as produtoras de queixo, as artistas, os visitantes, as traballadoras e os traballadores, e as xeracións que foron parte activa da celebración, explicou Daniel Camino durante unha presentación na que tamén interviñeron o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril e a concelleira de Igualdade e Normalización Linguística, Lucía López.
Un elemento común en todos os carteis desta 50ª Festa do Queixo de Arzúa é un círculo que aparece no fondo, evocando tanto ao sol como ao queixo. Este círculo, explicou o seu autor, non só representa a enerxía vital que se transmite na festa, senón que tamén é unha homenaxe aos fundadores e a todas as persoas que fixeron posible que a Festa do Queixo perdurase durante medio século. É unha forma de render tributo ás xeracións pasadas, presentes e futuras que continúan facendo crecer a tradición do queixo en Galicia.
50ª Festa do Queixo, unha imaxe gráfica inspirada en artistas galegos
A inspiración visual dos carteis, engadiu Daniel Camino, provén da obra de recoñecidos artistas galegos como Luis Seoane, Maruxa Mallo e Xosé Vizoso, cuxas influencias se reflicten no uso de cores brillantes e trazos marcados que evocan o dinamismo e a riqueza cultural de Galicia. A tipografía seleccionada tamén se basea no legado das letras galegas tradicionais, lembrando os trazos de Castelao, a forza gráfica de Sargadelos de Díaz Pardo e o deseño contemporáneo de Rubén Prol, fusionando o pasado e o presente nun estilo visual único e contemporáneo.
O alcalde destacou que con estes carteis o Concello de Arzúa quere transmitir unha mensaxe de respecto pola tradición, a cultura e o esforzo colectivo que converteu a Festa do Queixo nunha das celebracións con máis sona e máis importantes de Galicia.