A III Festa Rural desenvolverá todas as actividades na praza pública de Ponte Carreira durante esta fin de semana
A III Festa Rural do Concello de Frades, esta fin de semana, contará con postos de artesanía, maxia, degustación de produtos locais ou unha exposición etnográfica que se desenvolverá na praza pública de Ponte Carreira.
A Festa Rural abrirá as súas portas o sábado 21 de setembro co mercado de artesanía e a exposición etnográfica do Museo de Frades. Ambas iniciativas estarán abertas durante toda a fin de semana.
Visitantes e veciñanza poderán adquirir e contemplar os produtos artesáns de cestas, coiro, madeira, xoiería, maquetas… que se ofrecerán nos máis de 20 postos instalados, mentres que a mostra etnográfica consistirá nunha selección de fotografías e obxectos de útiles e ferramentas do campo, aparellos do fogar, elementos de antigos colexios…
A gran novidade da III Festa Rural, o I Festival de Maxia
Na mesma xornada do sábado, contra ás 20:00 horas, dará comezo unha das novidades desta edición da Festa Rural, o I Festival de Maxía. Unha gala inaugural cos prestidixitadores Samuel Moreno, Roberto Lolo e Mago Iago, será o punto de partida deste festival que terá a súa continuidade na xornada do domingo.
O concerto de Roi Casal co seu espectáculo Ambos Mundos (22:00 horas) baixará o pano da xornada do sábado desta terceira edición da Festa Rural de Frades. Casal ofrecerá ao público unha selección das súas cancións máis actuais que mistura con outras composición dende ritmos latinos ao estilo pop dos seus comezos.
Cun pasacalles do grupo de Ordes Embruxo Gaiteiros e a apertura do mercado de artesanía e a exposición etnográfica, comezará a xornada dominical, na que ademáis en horario de 11:00 a 14:00 horas pola mañá, e de 18:00 a 22:00 horas pola tarde, haberá dúas food-tracks da campaña Galicia Sabe amar da Xunta de Galicia, que ofrecerá petiscos con produtos mariñeiros.
Ás 13:00 horas será a quenda da sesión vermú con degustación de callos de balde con cada consumición, amenizada polo Dúo Charada. O menú do xantar popular (14:30 horas) está composto por entrantes, empanada de atún, callos con garbanzos e xarrete ao forno con patacas e verduras. De sobremesa haberá larpeira e xeado, todo acompañado de bebidas, chupito e café.
O prezo do menú é de 30 euros para os adultos, 18 euros para os menores de 12 anos e de balde para a cativada ata os 5 anos. Os tickets están a venda no Concello de Frades, na Asociación de Veciños Rexente, na asociación da Terceira Idade e nos bares de Ponte Carreira.
O I Festival de Maxia que comezou o sábado, novidade desta III Festa Rural de Frades, continúa na xornada do domingo co espectáculo familiar dirixido ao público infantil 2 mejor que uno (12:00 horas). E esta primeira edición remata coa actuación de maxia de cerca cos magos Samuel Moreno e Roberto Lolo que desenvolverán durante o xantar popular.
Dende o Concello de Frades queremos convidar a todo o mundo a achegarse esta fin de semana a Ponte Carreira para desfrutar do mellor do noso rural, que estará representado nesta festa”
O concerto de folk cos grupos Sarillo, Son da Terriña e dos vigueses Zurramalla terá lugar dende as 17:30 horas ás 19:00 horas, e dará paso á verbena (20:30 horas) amenizada polo Dúo Charada e Pepe Piña e Os Robinsóns, que baixarán o pano desta III Festa Rural do Concello de Frades.