A IV Foliada de Barbadás, que se desenvoverá o vindeiro sábado 24 de maio, contará con actuacións musicais, sesión vermú, xantar, obradoiro de danza e a tradicional foliada aberta
A sexta edición da Foliada do Concello de Barbadás dará continuidade, este sábado 24 de maio ás actividade organizadas co gallo da celebración do Día das Letras Galegas. A Concellería de Cultura Ana conta para a organización do evento coa colaboración da Asociación Cultural Moureán, unha entidade recentemente impulsada pola mocidade do municipio vencellada á música tradicional galega.
O parque dos Carrís acollerá esta IV Foliada, que comezará contra o mediodía e rematará á noitiña. “Este ano temos novidades que esperamos sexan do agrado de todo o mundo”, anunciou esta mañá Ana Peleteiro, concelleira de Cultura de Barbadás, durante a presentación do evento.
A concelleira tamén destacou a recuperación do tradicional desfile matutino polas rúas da Valenzá, que vai estar amenizado por Nova Fronteira e pola Banda de Música Cultural de Barbadás, e que dará a testemuña á sesión vermú nos Carrís. “Nesta ocasión contaremos cunha degustación de porco ao espeto en lugar do xantar popular habitual, polo que non é preciso coller antes os tickets, senón que se poden comprar no momento”, detallou Peleteiro.
Tras o xantar, será a quenda dun obradoiro de danza con Dantzari, e a partir das 17:30 horas, subiránse ao escenario as agrupacións participantes nesta IV Foliada. “En Barbadás temos o privilexio de contar con distintas agrupacións culturais que promoven a nosa tradición e a unión entre a veciñanza, e son elas as que van estar o sábado enriba do escenario”, comentou.
O prato forte da xornada é o concerto do grupo Fiandola, seguido dunha foliada aberta. Rodrigo Míguez, tesoureiro de Moureán, animou á poboación a sumarse a celebración e a desfrutar dun día de música, cultura, tradición e diversión. “Ademais, teremos xogos populares durante toda a xornada, así como sorteos con máis de 20 premios”, explicou a concelleira.
Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás, puxo en valor, durante a presentación, o papel das cantareiras e pandeireteiras, homenaxeadas nas Letras Galegas 2025. “Foron e son mulleres creadoras e transmisoras de arte e de beleza”, recalcou. Nese sentido, referiuse ás cantareiras e pandereteiras de hoxe en día, que continúan a recuperar, compartir e manter “a nosa tradición musical” entre as novas xeracións.




