O taller de fotografía de San Sadurniño, do ciclo ‘Tempos para Compartir’, servirá de base para unha exposición aberta á cidadanía
O pasado 21 de setembro, varios veciños e veciñas de San Sadurniño participaron no Obradoiro-Taller de Fotografía que impartiron Kevin Lorenzo e Ángela Arnosa e no que os participantes coñeceron un xeito distinto de reflectir o paso do tempo a través da fotografía.
Durante o obradoiro, o primeiro desta tempada do ciclo organizado polo Concello de San Sadurniño, Tempos para compartir, os participantes tiveron que recoller unha foto antiga que tivese para eles algún significado importante, acudir ao lugar no que se tomou e volver a sacala co mesmo punto de vista, encaixandoa na escena da imaxe antiga.
Esta técnica, que ten a súa dificultade e complexidade, permitiulles aos participantes capturar o tempo nunha única ollada a través de dúas imaxes e instantáneas.
Exposición de fotografía aberta á cidadanía
Este obradoiro servirá de base para a organización dunha exposición colaborativa, cuxa participación está aberta á cidadanía e que vai organizar a área municipal de Igualdade, co gallo do 15 de outubro, Día Internacional das Mulleres Rurais.
A participación na mostra está aberta á participación de todas as persoas que así o desexen. Só teñen que enviar as súas imaxes elaboradas con esta técnica indicando un título, o lugar e ano no que se tomou a instantánea antiga (se se teñen os datos) e unha pequena descrición da escena e do seu significado persoal. As imaxes, en formato JPG e con alta resolución que permita a súa impresión de calidade, deben remitirse ao correo electrónico oriana.lopez@sansadurniño.gal antes do vindeiro 8 de outubro.