PUBLICIDADE
Héctor Fandiño e Garbiñe Martín, primeiro e segunda, na cuarta edición do certame gastronómico 'Talentos by Abril'Héctor Fandiño e Garbiñe Martín, primeiro e segunda, na cuarta edición do certame gastronómico 'Talentos by Abril'

Héctor Fandiño logrou o triunfo coa elaboración Tradición Asgaya nunha final moi igualada con Garbiñe Martín e a súa proposta Itsas Begitelle que prepararon en directo no Centro Superior de Hostalería de Galicia

Héctor Fandiño, do IES Valle de Aller (Moreda de Aller, Asturias), foi elixido como o gañador da cuarta edición do certame gastronómico Talentos by Abril. A súa proposta Tradición Asgaya, elaborada con produtos DOP/IGP, alzouse coa vitoria na final celebrada no Centro Superior de Hostalería de Galicia, en Santiago de Compostela.

Como gañador de certame, Héctor Fandiño recibió unha bolsa para o Curso Superior de Chef en Cociña e Pastelería no Centro Superior de Hostalería de Galicia. Ademais, durante este ano será cociñeiro residente de Aceites Abril, participando en showcookings, maridaxes e diferentes accións promocionais organizadas pola firma ourensá, unha experiencia que lle permitirá seguir desenvolvendo o seu talento e darse a coñecer dentro do sector gastronómico.

Héctor Fandiño asegurou que se trata “dunha experiencia moi creativa, divertida e con moi bo compañeirismo. Axudámonos todos en cociña e estou moi feliz non só por min senón por todos os meus compañeiros que estabamos na final. Agradecido a Aceites Abril pola oportunidade e por organizar este certame. Feliz de ser un cociñeiro residente e de ter un ano de formación na escola de aquí de Galicia”, asegurou o premiado.

PUBLICIDADE

Fandiño é o segundo estudante do IES Valle de Aller en conquistar este premio, emulando ao seu compañeiro Saúl Torrado, que se proclamou vencedor da segunda edición coa súa proposta de repostería Mousse de Abril.

Héctor Fandiño, do IES Valle de Aller, durante a elaboración da súa proposta na final de 'Talentos by Abril'
Héctor Fandiño, do IES Valle de Aller, durante a elaboración da súa proposta na final de ‘Talentos by Abril’

A finalista deste ano foi Garbiñe Martín, estudante do CIFP Hostalería Ostalaritza LHII Galdakao (Galdakao), coa súa proposta Itsas Begitelle. Garbiñe Martín asegurou que pasou moitos nervios na final, mais “co esforzo, ao final, fixen todo o que quixen facer, e saíume xenial. De pequena encantábame ir cos meus pais á praia e sempre comiamos ensalada de pasta e con iso quixen facer unha fusión coa ensalada de pasta e dúas salsas típicas que se implican neste tipo de pratos como son a boloñesa e a carbonara”, explicou a finalista.

Garbiñe Martín tamén destacou do certame que “é unha moi boa iniciativa porque aprendes moitas cousas e sabes como pode funcionar unha competición, como traballan outros compañeiros e coñeces a crítica dos xurados”.

Unha final moi axustada polo alto nivel das propostas

O xurado coincidiu en destacar a dificultade para elixir o gañador, debido á orixinalidade e calidade técnica dos pratos presentados. Así o destacou Elena Pérez Canal: “as propostas cumpriron un alto nivel culinario, estivo moi rifada a final porque tanto Héctor como Garbiñe estaban moi empatados e tivo que vir o xurado técnico para desempatar. Para nós é moi importante este certame para a proxección destes novos chefs, para que teñan unha experiencia que lles sirva para a súa vida laboral futura”, incidiu.

Non se quixeron perder esta cuarta edición os directores de Agacal, Martín Alemparte, e Galicia Calidade, Ana Méndez, que estiveron a apoiar aos oito finalistas durante a competición. O xurado estivo conformado por xente de referencia no ámbito gastronómico, e nesta cuarta edición, os encargados de emitir o veredicto foron Iñaki Bretal, estrela Michelín e chef do restaurante O Eirado da Leña (Pontevedra); Alfonso López, divulgador gastronómico e autor do blog gastronómico Receitas de Rechupete; Chelo Miñana, membro da Xunta Directiva da Academia Castelá e Leonesa de Gastronomía; Beatriz Jerez, presentadora do programa de cociña O Mandil do Val (Canle 8); e Elena Pérez Canal, directora de Márketing de Aceites Abril.

A finalista do 'IV Talentos by Abril' Garbiñe Martín coa súa elaboración  'Itsas Begitelle'
A finalista do ‘IV Talentos by Abril’ Garbiñe Martín coa súa elaboración ‘Itsas Begitelle’

Un total de oito novos cociñeiros procedentes de Asturias, Castela e León, Galicia, Madrid, Castela-A Mancha e País Vasco, acompañados por un profesor, desprazáronse ás instalacións do Centro Superior de Hostalería de Galicia para cociñar en vivo e en directo. Así competiron nesta gran final tras superar as fases previas do certame, nas que participaron máis de 60 alumnos procedentes de 21 centros públicos de hostalería.

Tras catro edicións, Talentos by Abril consolídase como unha das plataformas de impulso ao talento novo máis destacadas entre os estudantes de hostalería do norte e centro de España, atraendo cada ano a novos centros e ampliando o seu alcance territorial.

O traballo, a dedicación e a creatividade demostrados nas fases previas do certame levaron a oito estudantes do norte e centro de España a competir unha final que estivo moi rifada. Todos eles mostraron un alto nivel culinario e unha gran personalidade nas súas propostas nas que por primeira vez na historia do certame foron todas salgadas:

  • Garbiñe Martín, 20 anos, de CIFP Hostalería Ostalaritza LHII Galdakao (Galdakao). Proposta: Itsas Begitelle.
  • Alberto de las Heras Blázquez, de 20 anos, do IES Universidade Laboral (Toledo). Proposta: Interpretación manchega dunha moussaka.
  • Miroslava Rojas Vásquez, 34 anos, do IES Gregorio Prieto (Valdepeñas). Proposta: Causa Acevichada.
  • Guochuan Pan, de 18 anos, do CIFP Simone Ortega (Móstoles). Proposta: Robaliza rechea de manitas de cordeiro con raviolis de ameixas e salsa de allo branco.
  • David Wilfrido Velasco, 33 anos, do CIFP Felipe VI (Segovia). Proposta: Touciño entrefebrado glaseada con humus de garavanzo e xel de pemento da vera.
  • Héctor Fandiño, 27 anos, do IES Valle de Aller (Moreda). Proposta: Tradición Asgaya.
  • Fabio de Barros Gomes, 21 anos, do IES de Foz (Lugo). Proposta: Bacallau coffee-pil sobre cremoso de pataca IGP de Galicia.
  • Michael Pacheco, 21 anos, do IES Sanxillao (Lugo). Proposta: Tintura de polbo.

O certame Talentos by Abril naceu co obxectivo de impulsar o talento dos novos cociñeiros que se forman nas escolas públicas de hostalería, poñendo en valor o uso de produtos locais, denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, así como a cultura do aceite de oliva virxe extra como base da cociña.

Nesta cuarta edición participaron 21 centros de formación de oito comunidades autónomas, incorporándose por primeira vez Castela-A Mancha e Navarra, o que confirma o crecente interese que esperta esta iniciativa entre os futuros profesionais do sector. Un crecemento que reflicte tamén o compromiso de Aceites Abril coa formación gastronómica e co impulso ás novas xeracións de chefs, que serán responsables de seguir difundindo a riqueza culinaria dos seus territorios.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.