PUBLICIDADE

A XI Carreira Pedestre Popular de Frades, o primeiro de maio, abre o prazo de inscrición

Saída da pasada edición da Carreira Pedestre Popular de Frades que vén de abrir o prazo de inscriciónSaída da pasada edición da Carreira Pedestre Popular de Frades que vén de abrir o prazo de inscrición

A XI Carreira Pedestre Popular de Frades, que no 2025 foi a proba mellor valorada da comarca de Ordes e a quinta da provincia, terá a súa saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira

A XI Carreira Pedestre Popular de Frades, que terá lugar o mécores 1 de maio, vén de abrir o prazo para que as persoas interesadas en participar poidan formalizar as súas inscricións. Organizada polo Concello e a Federación Galega de Atletismo, a carreira terá saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira e unha lonxitude de 8,6 quilómetros na súa categoría absoluta. A cita deportiva forma parte do XII Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña, sendo en 2025 a mellor valorada da comarca de Ordes e a quinta da provincia.

As inscricións deberán realizarse a través da páxina web www.emesports.es antes das 23:59 horas do mércores 29 de abril. As anotacións nas probas escolares son totalmente gratuítas (é dicir, Sub-6, Sub-8, Sub-10, Sub-12, Sub-14, Sub-16 e Sub-18) mentres que os demais atletas (Sub-20, Sub-23, Sénior e Máster 1, 2, 3 e 4) deberán abonar 6 euros.

O Concello de Frades destina máis de 2.000 euros en premios para os cinco primeiros clasificados da categoría absoluta (250, 150, 100, 75 e 50 euros), tanto na categoría masculina como feminina; así como para os tres mellores equipos (150, 100 e 50 euros).

PUBLICIDADE

A clasificación por clubs establecerase a través da suma dos puntos acadados polos seus 8 primeiros corredores en cruzar a liña de meta (cuxas inscricións individuais deberán realizarse en www.emesports.es e despois o club ou centro escolar deberá remitir o listado de participantes ao correo santiago@atletismo.gal.

A maiores, repartiranse vales de 100, 50 e 30 euros para os clubs que máis participantes acheguen á categoría escolar, vales que poderán cambiar por material deportivo. Ademais dos premios en metálico, haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, tanto para homes como para mulleres.

O Concello de Frades tamén entregará trofeos especiais aos tres primeiros equipos masculinos e femininos, así como para os tres primeiros clasificados empadroados no Municipio. Así mesmo, haberá medallas para todos os participantes escolares. Os trofeos non serán acumulativos, agás os correspondentes aos atletas locais.

Como todos os anos, a Carreira Pedestre Popular Concello de Frades porá a disposición de todos os atletas un servizo de fisioterapia e quiromasaxe, así como roupeiro, servizos médicos obrigatorios e servizo de vestiario e duchas no pavillón municipal de Ponte Carreira.

Ademais, haberá servizo de baños a carón da saída/meta e inchables para os máis pequenos, que se sumarán aos xogos xa dispoñibles nos parques infantís. A novidade deste ano será un food-truck que se emprazará na praza pública de Ponte Carreira para ofrecer servizo de xantar rápido tanto aos corredores como aos seus familiares.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.