O Concello do Pino, para conmemorar as Letras Galegas, tamén organiza a andaina Camiñando coas letras e o tradicional concerto da Banda de Música de Arca no CSC Luis Seoane o día 17 de maio
O centro sociocultural Luis Seoane acollerá, o sábado 24 de maio ás 20:00 horas, o encontro musical Voces para as Letras, unha cita co talento local e comarcal que reunirá coros e grupos de música tradicional do Concello do Pino e da súa contorna co gallo da celebración das Letras Galegas. A entrada é gratuíta ata completar o aforo.
O encontro musical contará coas actuacións do Coro de Santa Eulalia de Arca, acompañado nesta ocasión pola Coral Polifónica de Senra (Oroso), baixo a dirección de Daniel Sánchez, así como das agrupacións locais Gharatuxa e Reviravolta e das compostelás O noso son e Coro Castrosúa.
A iniciativa Voces para as letras destaca pola participación de músicos e agrupacións vencelladas tanto do propio municipio como aos concellos da contorna, nun ambiente de colaboración e posta en valor da música coral e tradicional galega.
Outras actividades co gallo das Letras Galegas
Ademais deste encontro cultural e musical, o departamento de Deportes do Concello organiza o sábado 17 de maio o programa O Pino móvese coas Letras Galegas, que inclúe a andaina Camiñando coa lingua, polo tramo do Camiño Francés, que atravesa o municipio, e xogos populares no pavillón de Reboredo.
Tamén o 17 de maio terá lugar o tradicional concerto das Letras Galegas a cargo da Banda de Música de Arca, a partir das 19:00 horas no centro sociocultural Luis Seoane.




