O conselleiro López Campos anunciou a publicación dunha convocatoria dotada con 550.000 euros para axudar aos Concellos a mellorar os fondos das súas bibliotecas e as axencias de lectura
O conselleiro de Cultura, José López Campos, visitou hoxe a Biblioteca municipal do Concello de Ribadavia, unha das entidades que poderán adherirse á convocatoria de axudas da Xunta de Galicia para a adquisición de novidades editoriais e mellorar así os seus fondos.
López Campos anunciou durante a visita, na que tamén estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, a publicación da convocatoria destas axudas ás que se destinan un total de 550.000 euros.
Con estas axudas confírmase o compromiso da Xunta para impulsar e facilitar tanto a adquisición de novidades editoriais como doutros materias para as coleccións e fondos bibliográficos nos centros de titularidade municipal, e que repercuten directamente na cidadanía e no seu acceso ao coñecemento”
(José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude)
A convocatoria desta orde divídese en dous programas, tal e como precisou López Campos en Ribadavia. Por un lado, destínanse 200.000 euros á adquisición de libros en galego en formato físico que estean editados entre setembro de 2024 e setembro de 2025. E, a contía das axudas que corresponderá a cada entidade determinarase en función do número de habitantes de cada Concello, repartíndose un máximo de 500 euros aos de menos de 2.001 habitantes, ata unha achega de 3.500 euros para os de máis de 50.001 persoas.
O segundo programa ten como finalidade a mellora dos fondos bibliográficos das coleccións existentes nas bibliotecas públicas municipais de Galicia, a través da súa actualización e mantemento para dar resposta á demanda dos usuarios. Este programa está dotado con 350.000 euros para a compra de monografías, material sonoro, videogravacións, recursos electrónicos, partituras e material cartográfico.
Do mesmo xeito que no primeiro, a coantía das achegas establecerase tamén en función da poboación cun máximo de 800 euros para os Concellos de ata 2.001 habitantes, e de ata 5.000 euros para aqueles cunha poboación de máis de 50.001 habitantes, explicou López Campos.
López Campos impulsa a reforma da Biblioteca de Ribadavia
A publicación desta convocatoria responde ao compromiso da Xunta para poñer en valor as entidades culturais locais galegas. Así, e seguindo con esta premisa, a Consellería de Cultura, que dirixe López Campos, tamén vén de impulsar a reforma da Biblioteca municipal de Ribadavia mediante un convenio de colaboración co Concello dotado con 56.000€.
Con esta actuación no espazo que ocupa a Biblioteca municipal de Ribadavia no edificio da Casa da Cultura da localidade, procúrase poder xestionar de maneira máis efectiva todas as accións que se organizan dende este servizo, contando cun lugar adecuado para expor a súa colección, unha área máis confortable para que as persoas usuarias realicen as súas actividades e para que mesmo o persoal poida desenvolver as súas tarefas de maneira máis cómoda.