Mero Iglesias, músico, poeta e escritor que foi nomeado Fillo Adoptivo, recibe agora unha homenaxe da veciñanza de Mesía, concello no que reside dende hai uns 50 anos
O músico, poeta e escritor Mero Iglesias, que vén de ser nomeado Fillo Adoptivo do Concello de Mesía, o pasado 14 de decembro de 2024, recibirá o vindeiro día 25 unha homenaxe cun xantar no Restaurante O’Cadaval no municipio de Frades, ás 14:00 horas co gallo do seu nomeamento.
O nomeamento como Fillo Adoptivo de Mero Iglesias partiu da iniciativa dun grupo de veciños e veciñas da comarca de Ordes que se puxeron en contacto co Concello de Mesía para iniciar os trámites dun recoñecemento que se oficializou o pasado 14 de decembro.
Mero Iglesias, integrante de Fuxan os Ventos e de A Quenlla, e que conta con numerosos galardóns e premios, engade así, con este nomeamento, un dos recoñecementos máis importantes, o dos seus veciños e veciñas, e o dun municipio que o acolle dende hai uns 50 anos, e que agora celebrarán todos xuntos con este xantar-homenaxe.
Todos os interesados en participar deste xantar-homenaxe, co gallo do nomeamento de Fillo Adoptivo de Mesía a Mero Iglesias, poden facelo antes deste domingo 19 de xaneiro nos teléfonos 621 034 759 ou ben no 680 824 910. O prezo do menú é de 30 euros que se abonarán en efectivo no xantar, e este inclúe tortilla e empanada, pescada á romana con ensalada, tenreira asada, flan caseiro, viño da casa, auga refrescos, café e licor. Tamén haberá opción de elixir menú vexetariano ou infantil.








