PUBLICIDADE

Marga Tojo gaña coa súa obra ‘Sarela’ a edición 2024 dos Premios SELIC de Creación Literaria

Marga Tojo, esqueda. e a concelleira Míriam Louzau, tras coñecerse o fallo do xurado dos Premios SELIC 2024Marga Tojo, esqueda. e a concelleira Míriam Louzau, tras coñecerse o fallo do xurado dos Premios SELIC 2024

O xurado elixiu a novela negra ‘Sarela’ de Marga Tojo gañadora do certame ao considerar, entre outras valoracións, que é unha obra “ben estruturada, áxil, interesante e que, ademais, achega unha perspectiva da nosa cidade moi actual”

A xornalista e poeta Marga Tojo vén de gañar a edición 2024 dos Premios SELIC coa súa novela negra Sarela. O xurado do certame deu a coñecer o seu fallo no que considera a obra da compostelá merecedora do premio “por tratarse dun texto ben estruturado, áxil, interesante e que, ademais, achega unha perspectiva da nosa cidade moi actual”. 

O xurado destaca tamén no seu fallo que a novela de Marga Tojo “preséntanse cuestións e inquedanzas da sociedade presente, como a perspectiva de xénero, a de clase, a diversidade afectivo-sexual ou os conflitos laborais, ao tempo que relata feitos da historia recente de Compostela”.

Asemade, remarca o xurado o acerto de situar unha novela negra en Santiago, “feito que contribuirá, sen dúbida, a anovar as temáticas relacionadas coa cidade, alén dos tópicos históricos ou turísticos”. Marga Tojo recibirá como gañadora do Premio SELIC con Sarela, 6.000 euros e a novela será publicada na colección SELIC que edita o Concello de Santiago.

PUBLICIDADE

O xurado que seleccionou a obra gañadora desta edición dos Premios SELIC estivo integrado por Arancha Rodríguez Fernández, Daniel Asorey Vidal, Llerena Perozo Porteiro, Manuel Portas Fernández e Óscar Senra Gómez asistidos polo técnico municipal de programación e xestión cultural, Xesús Amado Reino, en calidade de secretario, con voz e sen voto.

Marga Tojo, xornalista e poeta

Marga Tojo González, nada en Santiago de Compostela, é unha xornalista e poeta galega. É colaboradora de diversos medios dixitais e traballou en prensa no xornais e publicacións Galicia Hoxe, Público, Altermundo, Revista Luzes ou Praza. Desenvolveu proxectos sociais e culturais. É autora dos poemarios Cara de velocidade (Kalandraka), premio internacional de poesía para nenos e nenas Cidade de Orihuela, Arder (Positivas), Últimos bruídos ou do ensaio Maternidade fóra de catálogo (Xerais).

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.