PUBLICIDADE

Mercedes Autrán presenta a súa primeira novela, ‘Por unha promesa’, nun emotivo acto en Rois

Acto de presentación da primera novela de Mercedes Autrán, 'Por unha promesa', no Multiusos do Concello de RoisActo de presentación da primera novela de Mercedes Autrán, 'Por unha promesa', no Multiusos do Concello de Rois

Mercedes Autrán, nada na aldea de Casas do Porto, presentou no Multiusos do Concello de Rois o pasado sábado 31 de xaneiro, a súa primeira novela: Por unha promesa, nun acto cargado de emoción que reuniu a numerosa veciñanza, así como familiares e amizades da autora.

O acto contou coa presenza do alcalde de Rois, Ramón Tojo, da tenente de alcalde, Mercedes Basante, e da concelleira Victoria Quiroga, que quixeron acompañar á autora nunha xornada moi especial. Durante o encontro, o público sorprendeu a Mercedes Autrán cantándolle o Cumpreanos feliz, xa que o evento coincidiu co seu aniversario.

O alcalde foi o encargado de abrir o acto, destacando o papel de Mercedes Autrán como referente para a comunidade: “Este tipo de iniciativas son vitais para o noso desenvolvemento, porque axudan a que todas as persoas teñan referentes na vida e, especialmente, a que a cativada vexa que hai quen, sendo de aquí, da aldea, realiza un labor importante e inspirador”, sinalou.

PUBLICIDADE

No transcurso do acto interviñeron tamén a politóloga Marta Casal, que afondou no motivo polo que o protagonista da novela ten nacionalidade surcoreana, un dos elementos máis singulares da obra, e o cantante Antonio Barros, gañador do espazo Recantos da TVG no ano 2017, que falou e cantou ao amor como eixo vertebrador da historia, personificado na figura da nai da autora, inspiración fundamental pola que Mercedes Autrán decidiu escribir esta novela.

Tras o acto, as persoas asistentes tiveron a oportunidade de adquirir exemplares do libro que foron asinados pola autora, e compartir un momento de convivencia arredor duns petiscos, pechando así unha mañá cultural marcada pola proximidade, o recoñecemento ao talento local e a participación veciñal.

Con esta iniciativa, o Concello de Rois reafirma o seu compromiso coa promoción da cultura e co apoio ao talento do municipio, favorecendo espazos de encontro que fortalecen a vida cultural e social de Rois.

Mercedes Autrán asinando exemplares da súa primeira novela, 'Por unha promesa', tras o acto de presentación da obra
Mercedes Autrán asinando exemplares da súa primeira novela, ‘Por unha promesa’, tras o acto de presentación da obra
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.