




A Gala do Deporte de Teo, que presidiu a alcaldesa Lucía Calvo de la Uz, premiou o labor do xogador de billar Álvaro Lama-Pereira, do equipo sénior feminino do Club Galogrín de baloncesto, ao club de aeromodelismo Estela, ao xornalista Terio Carrera e ao veciño Manuel Lueiro
A II Gala do Deporte do Concello de Teo, presidida pola alcaldesa Lucía Calvo de la Uz coa participación do conselleiro de Deportes da Xunta, Diego Calvo, entre outros, fixo entrega dos recoñecementos aos deportistas, persoas, clubs e entidades do municipio máis destacadas do 2025. O Auditorio da Ramallosa acolleu un acto ao que asistiron máis de 150 persoas.
Nesta segunda edición da gala, os recoñecementos recaeron no referente do billar teense, Álvaro Lama-
Pereira Lage; no equipo sénior feminino do Club Galogrín de baloncesto; no club de aeromodelismo Estela; no xornalista deportivo, Terio Carrera, e no veciño Manuel Lueiro, pola súa forte vinculación á Sociedade Deportiva Cacheiras.
Durante a súa intervención, a alcaldesa salientou que o deporte é fundamental e vital na vida, saudable e enriquecedor, por iso “quero deixar claro que o compromiso deste Equipo de Goberno co deporte é firme, moi firme”. Mostra diso, destacou, son as infraestruturas deportivas arranxadas nestes dous últimos anos polo Executivo local, quen trata de atender ás necesidades máis importantes.
Pola súa banda, O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, reivindicou a importancia do concello teense como “peza fundamental dos éxitos do deporte galego” cunhas 2.000 licenzas federativas e unha vintena de clubs.
Diego Calvo felicitou ao ente municipal por unha gala que o ano pasado viviu a súa primeira edición premiando a deportistas de gran dimensión como o futbolista David Mella, a karateka Ruth Lorenzo ou o ex ciclista Ezequiel Mosquera, puxo en valor os premiados nesta edición destacando o futuro de Álvaro Lama-Pereira, referente internacional do billar; o traballo en equipo do Club Galogrín, esencial no baloncesto base feminino; a traxectoria do Club Aeromodelismo Estela, con máis de tres décadas de historia; a dedicación de Manuel Rodríguez Lueiro, principal valedor do SD Cacheiras ou a paixón de Terio Carrera que leva catro décadas divulgando as bondades do deporte galego.



