PUBLICIDADE

A 51ª Festa do Queixo de Arzúa bate o récord de solicitudes de postos da feira e presenta un cartel co grupo Dorian ao fronte

Presentación da 51ª Festa do Queixo de Arzúa que nesta edición bateu o récord de solicitudes de postos da feira e presenta un cartel co grupo Dorian ao frontePresentación da 51ª Festa do Queixo de Arzúa que nesta edición bateu o récord de solicitudes de postos da feira e presenta un cartel co grupo Dorian ao fronte

A Festa do Queixo de Arzúa ampliará o percorrido da feira pola alta demanda de stands nunha edición que reforza as actividades gastronómicas e técnicas e que contará tamén coas actuacións de Budiño, Dakidaria, Ialma ou Cool Nenas

A 51ª Festa do Queixo de Arzúa, que se desenvolverá os días 27 e 28 de febreiro e 1 de marzo, presentou onte o seu cartel completo, consolidándose como unha das citas gastronómicas e culturais máis relevantes de Galicia, tanto pola gran acollida e participación como pola ambiciosa programación musical e cultural.

Nesta nova edición da Festa do Queixo de Arzúa e por segundo ano consecutivo, a organización bateu o récord de solicitudes de postos para o recinto feiral interior, acadando a ocupación máxima, tanto na planta baixa con 90 stands dedicados ás queixerías, como na zona gourmet do primeiro andar, que medra de maneira significativa respecto a edicións anteriores. En total, 77 queixerías admitidas, 9 convidadas da Ruta Europea do Queixo e 4 stands institucionais conforman un espazo que reflicte o dinamismo e a fortaleza do sector queixeiro.

No exterior, rexistráronse máis de 215 solicitudes de postos de alimentación, foodtrucks, artesanía e multisectorial, a cifra máis alta da historia da festa, o que obrigará a ampliar o percorrido da feira incorporando novas rúas para dar resposta á elevada demanda mantendo os criterios de calidade e seguridade. A programación complétase ademais co mercado da Deputación da Coruña A paisaxe que sabe, con 24 stands adicionais dedicados ao produto de proximidade.

PUBLICIDADE

Unha das grandes novidades desta edición será o reforzo das actividades gastronómicas e técnicas, un ámbito no que a Festa do Queixo dá este ano un salto cualitativo e cuantitativo respecto a edicións anteriores. A programación inclúe 6 showcookings impulsados pola Deputación da Coruña, da man dos chefs Diego Mato e Iván Domínguez, con propostas creativas arredor do queixo Arzúa-Ulloa que achegan a alta cociña ao público xeral.

Programación específica da 51ª Festa do Queixo de Arzúa

A esta oferta súmase unha programación específica desenvolvida xunto a Estrella Galicia coa participación de José Luís Martín, mestre queixeiro, afinador e director de Gourmet Quesos, que conducirá experiencias de afinados de queixo e maridaxes coas cervexas 1906, dirixidas tanto a profesionais como a persoas afeccionadas.

Ademais, a Festa do Queixo reforza a súa dimensión europea coa colaboración da Ruta Europea do Queixo, que achegará actividades como charlas con cata, concursos especializados e novas experiencias gastronómicas, entre as que destacan as maridaxes de queixo con sake, unha proposta innovadora que amplía horizontes e conecta tradición e vangarda.

Trátase de actividades con prazas limitadas e alta demanda, que sitúan a Festa do Queixo de Arzúa nun nivel técnico e profesional moi elevado, consolidándoa non só como unha festa popular, senón tamén como un espazo de encontro e divulgación gastronómica de referencia.

A música, unha das grandes protagonistas

Un dos grandes atractivos desta edición será o cartel musical, que combina nomes destacados da escena galega e estatal e reforza o carácter aberto, diverso e interxeracional da festa. O sábado 28 de febreiro subirán ao escenario artistas como Dorian, banda referente do indie e da electrónica estatal; Dakidarría, grupo galego cunha sólida traxectoria e forte compromiso social; Dulzaro, unha das grandes revelacións da música de raíz contemporánea; Cool Nenas, con pop electrónico e actitude urbana; e Dogo, a banda compostelá gañadora do Queixo Maquetón que completa unha xornada de concertos de acceso gratuíto.

O domingo 1 de marzo, a música continuará con actuacións de Budiño, un dos grandes nomes da música galega contemporánea; Ialma, que celebra o seu 25 aniversario sobre os escenarios; e MJ Pérez, veciña de Arzúa, que aproveitará a cita para presentar o seu novo disco nunha sesión vermú moi especial.

A presentadora da festa, Lidia Veiga, quixo salientar o vínculo emocional coa cita: “É un orgullo enorme ser de Arzúa e poder presentar a Festa do Queixo, e facelo ademais xunto ao meu pai. Esta festa representa a nosa identidade e a maneira que temos de celebrar o que somos”. Pola súa banda, o alcalde de Arzúa, Xoan Xesús Carril, subliñou que “a Festa do Queixo émoito máis ca unha feira gastronómica; é unha celebración colectiva que proxecta Arzúa cara fóra, dinamiza a economía local e reforza o noso posicionamento cultural”.

Así, a 51ª Festa do Queixo de Arzúa preséntase como unha edición histórica, cunha programación que combina tradición, innovación, gastronomía e música, convertendo Arzúa durante tres días nun punto de encontro imprescindible para todos os públicos.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.