PUBLICIDADE

O Queixo Maquetón elixe ao trío Dogo gañador do concurso da 51ª Festa do Queixo de Arzúa

O grupo Dogo que vén de gañar o Queixo Maquetón 2026, o certame da Festa do Queixo de Arzúa que este ano suma a súa 51ª ediciónO grupo Dogo que vén de gañar o Queixo Maquetón 2026, o certame da Festa do Queixo de Arzúa que este ano suma a súa 51ª edición

O Queixo Maquetón 2026 xa ten gañador. O proxecto Dogo resultou vencedor desta edición do certame musical vencellado á Festa do Queixo de Arzúa que este ano celebra a súa 51ª edición. A elección desta formación musical fíxose pública tras a reunión do xurado que tivo lugar o pasado venres 16 de xaneiro ás 19:30 horas.

A decisión do fallo desta nova edición do certame Queixo Mantecón, “non foi doada”, explicou o xurado que destacou o altísimo nivel das candidaturas recibidas, cunha diferenza de puntuación moi axustada entre o primeiro e o segundo posto, o que reflicte o bo momento creativo da escena musical galega actual. Como premio, Dogo recibirá 1.500 € en concepto de caché pola súa actuación nos concertos da Festa do Queixo, que terá lugar o sábado 28 de febreiro de 2026.

Dogo é un trío de Santiago de Compostela, formado en 2023, que mestura influencias do shoegaze, post-punk e indie, cun son atmosférico e contundente e letras en galego. A súa proposta destacou pola solidez musical, a identidade propia e unha forte presenza sonora, cualidades que convenceron ao xurado desde as primeiras escoitas. Recentemente veñen de gravar o seu primeiro EP, Brutalismo, tras gañar o concurso Sonidos Mans Salas.

PUBLICIDADE

O segundo posto foi para LAW, artista multidisciplinar de Vigo que presentou unha proposta persoal e potente, na que conflúen ritmos urbanos, música de raíz e electrónica. O xurado salientou a forza da súa voz, o compromiso das letras e a coherencia artística dun proxecto que conecta o urbano co ancestral.

O terceiro posto recaeu en Under & Diego Flâneur, un proxecto que destacou pola súa sensibilidade, identidade propia e unha mirada contemporánea, deixando tamén unha pegada destacada nesta edición do certame.

O xurado do Queixo Maquetón 2026 estivo formado por José Ramón (Radio Arzúa), Xurxo Souto, Xiana Arias Rego, Miguel Mosqueira e Olalla Dopico, quen valoraron as propostas atendendo a criterios de calidade musical, identidade artística e adecuación ao espírito da Festa do Queixo.

O Queixo Maquetón consolídase así como un espazo de apoio á creación musical emerxente, reforzando o seu papel como plataforma de visibilidade para novos proxectos e como parte fundamental da programación cultural da Festa do Queixo de Arzúa.

A 51ª Festa do Queixo de Arzúa celebrarase os días 27 e 28 de febreiro e 1 de marzo de 2026, combinando gastronomía, música e identidade cultural nunha das citas máis emblemáticas do calendario festivo galego.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.