PUBLICIDADE

Noa Pérez González gaña o XI Certame Poético Rosalía de Castro de Padrón

O xurado do XI Certame Poético Rosalía de Castro que concede o Concello de Padrón e que este ano foi para a viguesa Noa PérezO xurado do XI Certame Poético Rosalía de Castro que concede o Concello de Padrón e que este ano foi para a viguesa Noa Pérez

Noa Pérez gañou o XI Certame Poético Rosalía de Castro coa súa obra Pequeno panteón politeísta que foi elixida entre os 39 traballos que se presentaron a esta nova edición

A escritora viguesa Noa Pérez González foi a gañadora da undécima edición do Certame Poético Rosalía de Castro convocado polo Concello de Padrón. A súa obra Pequeno panteón politeísta, presentada baixo o lema Gato de Cheshire, foi elixida entre os 39 traballos presentados nesta edición.

O xurado destacou da obra da viguesa “a forza de certas imaxes, o humor, a ironía coa que reflexiona sobre lembranzas da súa infancia e a frescura coa que aborda a súa xeografía sentimental”, indica o fallo do xurado, reunido o pasado 16 de maio e que presidiu o alcalde de Padrón, Anxo Arca. Noa Pérez recibirá un premio de 1.500 euros e a publicación de Pequeno panteón politeísta na colección Poesía Rosalía de Castro que edita o Concello de Padrón.

Licenciada en Filoloxía Galega, Filoloxía Románica e Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela, Noa Pérez é profesora de Lingua Galega e Literatura no ensino secundario. Ten publicadas dúas novelas: O ocaso da familia Portela (2015) e A pedra de ámbar gris (2021).

PUBLICIDADE

Aínda que ata agora se ten centrado na narrativa, Noa Pérez leva arredor dun ano escribindo poesía. “Comecei a escribir poemas como un xogo comigo mesma. Reflexionaba sobre o que somos, como nos construímos e en que momentos… A partir diso foron xurdindo poemas que acabaron por tomar forma de libro. Cando o rematei, pregunteime que facer con el e decidín presentalo ao certame de Padrón, principalmente pola proximidade a Santiago, que é onde vivo, e porque durante un ano impartín clase de galego no IES Camilo José Cela”, explicou a gañadora tras coñecer o fallo.

O xurado deste XI Certame poético Rosalía de Castro, presidido polo alcalde, Anxo Arca, estivo formado por Anxo Angueira, profesor titular da área de Filoloxía galega e portuguesa da Universidade de Vigo, presidente da Fundación Rosalía de Castro e académico da Real Academia Galega; Manuel Lorenzo Baleirón, escritor e mestre no IES Macías; Miriam Ferradáns Ferradás, poeta e graduada social; Inés Mosquera Calvo, tradutora, intérprete e escritora, e Rita Bugallo González, escritora e profesora de educación secundaria de Lingua galega e literatura.

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.