A exposición colectiva ‘Raíces’, do alumnado da Escola de Artes e Oficios da Deputación de Ourense, é unha escolma de 38 traballos elaborados tanto por rapaces de 14 anos como ata por maiores de 80
O alumnado da Escola de Artes e Oficios da Deputación de Ourense vén de inaugurar, o 9 de xaneiro no Centro Cultural Marcos Valcárcel, no que se atopa a Escola, a exposición Raíces, composta por diferentes pezas elaboradas en distintas disciplinas polo alumnado do centro, que conta con traballos de rapaces dende 14 anos ata maiores de 80.
Así, a Escola de Artes e Oficios subiu o pano da que é a primeira exposición colectiva que fai o centro con proxectos de creación propia e orixinal dos seus alumnos. A mostra Raíces trátase dunha escolma dun total de 34 obras, elaboradas con diferentes disciplinas e que son froito do traballo do alumnado durante todo o curso, dunha escola senlleira que ano a ano medra en usuarios.
O concepto de “Raíces” fai referencia, explicaron os responsables da exposición durante a súa inauguración, a que neste 2025 o Día das Letras Galegas estará adicado ao cancioneiro popular galego e ás cantareiras. Estes, xunto ás cantigas e cantos tradicionais, son un patrimonio vivo e da cultura galega que perdurou durante séculos, como tamén o son os oficios e as disciplinas que se traballan na Escola.
Para crear esta exposición colectiva, o estudantado da Escola de Artes e Oficios, deron un paso adiante na súa formación como pintores e escultores, xa que exhiben a súa propia obra, despois de desenvolvela coas únicas directrices de basearse no concepto de “raíces”. Raíces é o resultado do traballo durante meses na creación dos seus proxectos máis persoais, apoiados polo profesorado.
Esta exposición é unha gran oportunidade de gozar da diversidade, algo que xa case é un trazo característico na nosa Escola, no que se xuntan persoas de moi diversos perfís, dende nenos e nenas ata persoas de máis de 80 anos, xerándose así unha singular convivencia interxeracional coa arte e os oficios como nexo común”
Raíces conta con traballos en diferentes e diversas disciplinas como pintura, talla, oleiría ou modelado de barro invitando ao espectador a afondar e reflexionar sobre o pasado, as tradicións, a nenez ou sobre os oficios dos devanceiros, e mesmo sobre as inquedanzas ou os afectos.