A inauguración das aulas abertas á natureza, un novo espazo que conta con gradas, escenario de area e especies arbóreas, contou coa participación de máis de 340 nenos e nenas do CEIP O Ruxidoiro
O CEIP O Ruxidoiro de Barbadás dá un paso máis no seu innovador programa pedagóxico coa inauguración das aulas abertas á natureza, un novo espazo de aprendizaxe e lecer. Coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, a comunidade educativa e o goberno local estrearon o proxecto, no que o Concello, a través da Concellería de Parques e Xardíns, investiu uns 40.000 euros.
“É unha ledicia poder traballar para concienciar á mocidade na sostibilidade do noso planeta, é algo que veremos a futuro. Queremos traballar todos para ter un planeta no que poidades desfrutar en harmonía, en paz, con natureza viva”, díxolles o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, aos máis de 340 alumnos que acudiron á inauguración.
O rexedor aproveitou a ocasión para poñer en valor o proxecto educativo do colexio, no que se levan a cabo actividades como Ruxihorto, Ruxilecer, Ruxinatura ou Ruxisaber.
Este espazo supón unha nova forma de achegarse ao coñecemento, cunha didáctica e unha visión diferentes e moito máis positivas” (Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás)
A directora do CEIP O Ruxidoiro, Elena Gayo, agradeceu a colaboración institucional na creación da aula aberta á natureza: “Este proxecto que hoxe se materializa é unha testemuña viva do que se pode acadar cando traballamos xuntos cunha visión compartida”.
A intervención, realizada nos últimos meses, permitiu converter un espazo residual nun lugar cheo de vida, do que desfrutarán tanto o alumnado como os docentes do CEIP O Ruxidoiro como do Filomena Dato. Ademais, poderá acoller actividades impulsadas polo Concello de Barbadás.
Gayo tamén incidiu en que as novas aulas son un reflexo “da nosa aposta decidida” polo plan da nova arquitectura pedagóxica, que convida a repensar as contornas de aprendizaxe e a facelas máis flexibles, inspiradoras e conectadas “co mundo que nos rodea”.
O espazo das aulas abertas á natureza conta cunha bancada corrida de madeira, asentada sobre a topografía natural, en alusión aos teatros gregos. A bancada está orientada a un espazo ovalado de area. A actuación completouse cunha estacada de travesas que configura unha sorte de cabana para usos varios, bancos, plantacións vexetais (con especies perennes e caducifolias) e sistema de rego.
