O prazo para matricularse na Escola Municipal de Música, no Curso 2025-2026, remata o vindeiro 20 de xuño, o custo da inscrición é de 67 euros e a cota mensual é de 20 euros por materia
A Escola Municipal de Música do Concello de Ordes manterá aberto ata o vindeiro 20 de xuño o prazo para os novos ingresos para o curso 2025-26. Os formularios de solicitude e domiciliación bancaria xa están á disposición nas redes sociais municipais dende o pasado día 4, así como na web do centro www.emmordes.com.
O modelo de matrícula sinxela dá opción a cursar unha única materia. Poderase escoller entre Instrumento (é necesario ter coñecementos mínimos de linguaxe musical), Música e movemento (de 3 a 5 anos), Formación básica (6 e 7 anos) e Linguaxe musical (+7 anos).
De cursar máis dunha materia deberase optar pola matrícula completa, na que o alumnado deberá escoller entre Formación básica (6 e 7 anos) ou Linguaxe musical (+7 anos) e Instrumento. A maiores tamén se poderá optar por outras disciplinas colectivas como Banda Escola, Big Band, Coro, Música de Cámara, Combo Folk e Combo Rock.
Entre a ampla variedade de instrumentos que se poden escoller para cursar na escola figuran: Óboe, clarinete, frauta, saxofón, trompeta, trompa, trombón, bombardino, tuba, piano, guitarra (clásica, eléctrica e baixo), percusión (clásica e moderna), violín, violonchelo e contrabaixo.
O custo da matrícula ascende a 67 euros e o pagamento mensual é de 20 euros por cada materia, tendo as familias numerosas un desconto do 50 po cento.