PUBLICIDADE

As Escolas Deportivas da Baña pechan o curso cunha gala na que participan 148 persoas

As Escolas Deportivas da Baña 2024-2025 contaron cunha participación de récord, con 148 persoas inscritas, entre nenos e adultos, a maior cifra rexistrada ata a data, e que amosaron os coñecementos deportivos adquiridos durante o curso a familiares e veciñanza durante a gala de clausura

As Escolas Deportivas Municipais do Concello da Baña organizaron, o pasado sábado no pavillón municipal de San Vicenzo, a súa gala de clausura, unha cita xa consolidada no calendario deportivo local que serviu para pechar cunha gran festa un curso de récord, no que participaron 148 persoas entre alumnado infantil e adulto, a maior cifra rexistrada ata a data neste programa municipal.

Durante máis de dúas horas, os nenos, nenas e mozos e mozas que forman parte das distintas disciplinas das Escolas Deportivas Municipais tiveron a oportunidade de amosar todo o aprendido ao longo do curso, con pequenas exhibicións de patinaxe, tenis de mesa, judo, baloncesto, baile moderno e acrosport, que foron recibidas con entusiasmo polo público asistente.

A gala de clausura do curso das Escolas Deportivas Municipais da Baña contou coa participación do alcalde, José Antonio Gil, e da concelleira de Deportes, Ana Pensado, que fixeron entrega a todo o alumnado dun agasallo conmemorativo: unha toalla de secado rápido co logo do Concello, como recordo da súa participación e esforzo neste curso.

PUBLICIDADE

Tras o programa de exhibicións do alumnado das Escolas Deportivas, a gala de clausura rematou cunha sesión de xogo libre e inchables, que puxeron a nota máis lúdica e festiva da mañá, convertendo o acto nun verdadeiro encontro de convivencia arredor do deporte.

Dende o departamento de Deportes do Concello da Baña xa se está a traballar na planificación da tempada 2025/2026, coa intención de ampliar a oferta actual e incorporar novas actividades que respondan aos intereses e demandas da veciñanza. O obxectivo é seguir medrando en participación, diversidade e accesibilidade da práctica deportiva no concello.

Este ano, a oferta das Escolas Deportivas Municipais incluíu disciplinas como patinaxe (con 26 participantes), xadrez (7), judo (10), tenis de mesa (17), tenis (11), baloncesto (15), baile moderno (20), acrosport, pádel (44) e pilates (36).

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.