PUBLICIDADE

As piscinas municipais abren as súas instalacións nos Concellos do Pino, Ordes e Rois

As instalacións da piscina municipal de Senra no Concello de Rois que abrirá as súas portas o 21 de xuño, e que incorpora este verán o acceso con carnéAs instalacións da piscina municipal de Senra no Concello de Rois que abrirá as súas portas o 21 de xuño, e que incorpora este verán o acceso con carné

A apertura das piscinas municipais ao público de Ordes e O Pino realizarase o día 20 de xuño, mentres que o Concello de Rois abrirá as súas instalacións ao día seguinte, o sábado 21 de xuño

As piscinas municipais dos Concello de Ordes, O Pino e Rois abrirán ao público, coa chegada da calor, a finais deste mes. Así, os municipios de Ordes e O Pino abrirán as súas instalaciónso vindeiro 20 de xuño, mentres que o Concello do Pino farao ao día seguinte, o sábado 21.

Así, a piscina do Múíño en Ordes permanecerá aberta ata o 31 de agosto, e dende onte 9 de xuño xa se poden solicitar os carnés de abonados, presencialmente no departamento de Deportes en horario de mañá, ou ben electrónicamente nesta páxina web.

O carné para toda a tempada ten un prezo de 12 € para os menores e de 20 € para persoas adultas. De preferir collelo por meses o de xuño ten un custo de 2,10 € e 4,25 €; mentres que para xullo e agosto ascende a 6 € e 12 € para menores e adultos, respectivamente. Por outra banda, para días soltos o prezo da entrada individual será de 1 € e de 1,5 €.

PUBLICIDADE

Un ano máis o Concello de Ordes tamén convoca os cursos de natación para os meses de xullo e agosto que de luns a venres se impartirán en horario matutino na mesma piscina do Muíño. Estes están dirixidos á rapazada de 3 a 16 anos e teñen un custo de 20 euros mensuais. Tamén, se ofertan clases intensivas de natación. Toda a información sobre os mesmo e os prazos está dispoñible o teléfono 981 697 537.

Pola súa banda, o Concello do Pino tamén abrirá as instalacións da piscina municipal de Lameiro o día 20 de xuño, todos os días da semana, en horario de ininterrompido de 12:00 a 20:00 horas. Poderá accederse con entrada diaria ou coa adquisición dos abonos na Casa do Concello de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas. O Concello mantén os prezos do ano pasado tanto para as entradas diarias como para os abonos, que dependerán da idade, e haberá descontos para familias e persoas empadroadas.

Ademais, O Pino tamén oferta cursos de natación dirixidos a persoas de todas as idades, mantendo tamén os mesmos prezos do verán pasado. Os cursos desenvolveranse de luns a xoves, de 12:30 a 13:15 horas, e será preciso contar cun abono de tempada para poder inscribirse. A información sobre os cursos e para o uso da piscina (prezos, horarios, descontos…) pódense consultar na web do Concello ou ben presencialmente na casa consistorial.

A piscina municipal de Lameiro no Concello do Pino abrirá as súas portas ao público o vindeiro día 20 de xuño

Pola súa banda, o Concello de Rois abrirá as instalacións da piscina municipal de Senra ao día seguinte de Ordes e O Pino, o sábado 21 de xuño, nunha campaña de verán que está ano conta como novidade destacada coa posibilidade de dispoñer dun carné para acceder ás instalacións, mellorando e axilizando o servizo, e que se pode solicitar dende mañá 11 de xuño, enviando un correo a inscricions@rois.gal, indicando o nome, apelidos e enderezo, xunto a ao xustificante de pagamento.

As persoas empadroadas no Concello de Rois poderán beneficiarse de tarifas moi reducidas ou mesmo acceso gratuíto no caso dos menores de 10 anos. O prezo xeral da tempada para maiores desa idade será de 5 euros, mentres que as familias completas poderán adquirir o carné por 12 euros. Ademais, haberá un desconto do 15 % para familias numerosas, monoparentais ou con algún membro cunha discapacidade igual ou superior ao 33 %.

As persoas non empadroadas ou que non dispoñan do carné poderán acceder igualmente á piscina, pagando a entrada diaria correspondente: o acceso será gratuíto ata os 3 anos, terá un custo de 1 euro ao día para nenas e nenos de entre 4 e 10 anos, e de 2 euros para as persoas maiores de 10 anos. Para máis información, pódese contactar co Concello no 981 816 061 ou acudir ao propio edificio multiúsos.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.