PUBLICIDADE

O Mapa de seres máxicos do Reino de Galicia xa é unha realidade grazas ao Festival Atlántica

Unha das imaxes do Mapa de seres máxicos do Reino de Galicia no que aparecen a Orca vella, as bruxas do Pindo, a raposiña de Morás, o nubeiro e a Raíña Lupa ou o alarbioUnha das imaxes do Mapa de seres máxicos do Reino de Galicia no que aparecen a Orca vella, as bruxas do Pindo, a raposiña de Morás, o nubeiro e a Raíña Lupa ou o alarbio

O Mapa de seres máxicos materialízase no papel grazas aos contidos de Manuel Gago e ás ilustracións de Leandro Lamas, que representan 34 personaxes fantásticos nunha publicación que homenaxea ao primeiro Mapa do Reino de Galicia

Mapa de seres máxicos do Reino de Galicia xa é unha realidade grazas ao Festival Atlántica. Esta celebración da diversidade do imaxinario tradicional galego materialízase no papel grazas ao traballo conxunto de Manuel Gago e Leandro Lamas, responsables dos contidos e das ilustracións, respectivamente.

O mapa estará á venda nas funcións do Festival Atlántica en Santiago de Compostela pero calquera persoa interesada poderá adquirilo a través da web festivalatlantica.gal.

Alarbios, urcos, maruxainas, lobishomes, xigantes, xacias, trasnos…, ata completaren unha escolma de 34 personaxes fantásticos, aparecen representados nesta publicación que homenaxea o primeiro Mapa do Reino de Galicia elaborado por Hernando de Oxea a principios do século XVII.

PUBLICIDADE

O mapa inspírase tamén nos cartelóns dos cegos das feiras que, apoiados nas ilustracións, cantaban os seus romances. De feito, chega acompañado dun folleto que explica a historia de cada un dos seres para facilitar o seu uso como soporte para a narración do noso imaxinario tradicional e a exploración do noso territorio nestes novos tempos.

Moitos dos personaxes están asociados ás localidades ou comarcas nas que se recolleron os mitos e outros pertencen ao acervo común de Galicia. O mapa reivindica a riqueza de figuras míticas da tradición oral galega e aposta pola diversidade da súa representación e mais pola recuperación de figuras de noso hoxe desaparecidas da memoria e coñecidas grazas á documentación da Idade Moderna e do século XIX.

Os autores do Mapa dos seres máxicos do Reino de Galicia

Manuel Gago é xornalista, escritor e comisario de exposicións. Dirixe culturagalega.gal, a plataforma de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega, e é profesor de Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela. Ten unha ampla traxectoria como divulgador do patrimonio cultural galego.

Leandro Lamas é un dos ilustradores máis coñecidos de Galicia. Cunha traxectoria iniciada a finais dos 90, aborda a pintura e ilustración en cadros, libros, portadas de discos ou murais. O seu singular estilo convérteo nun dos artistas cun estilo máis significativo e querido á hora de representar unha Galicia soñada.

Unha das imaxes do Mapa de seres máxicos do Reino de Galicia no que aparecen a Orca vella, as bruxas do Pindo, a raposiña de Morás, o nubeiro e a Raíña Lupa ou o alarbio
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.