O Rally de Ourense, que se disputa do 12 ao 14 de xuño, conta cun total de 72 equipos inscritos e entre as novidades atópase a inclusión nos tramos de novos concellos: A Arnoia, Ribadavia, Cenlle e San Amaro
O 58º Rally de Ourense, proba puntuable para o Supercampionato de España que se disputa do 12 ao 14 de xuño, tivo o seu acto de presentación nas instalacións da Confederación de Empresarios de Ourense, no que se deron a coñecer os detalles e as novidades desta nova edición.
Durante a presentación do 58º Rally de Ourense interviron, entre outros, Jano Fraga, presidente da Escudería Ourense, Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta, o presidente e o vicepresidente das federacións galega e española de Automobilismo, José Vicente Medina e Aníbal Pereira, así como o presidente da Deputación, Luis Menor.
A cita ourensana, un clásico do calendario do certame nacional de rallyes, contará cun total de 76 equipos na saída, con máis dunha decena de vehículos de la categoría Rally2, na que estarán todos os candidatos ao título, e varias unidades R-GT. Ademais, oito equipos encadrados dentro da Copa Hyundai I20N uniranse ás máis de 40 escuadras do Trofeo Escudería Ourense.
O percorrido, que explicaron polo miúdo durante a presentación do Rally, contará con importantes novidades como a disputa de segundas pasadas na xornada do venres 13 de xuño en formato nocturno, algo que hai moitas edicións que non acontecía. Tamén, os tramos contemplan a inclusión de catro novos concellos: A Arnoia, Ribadavia, Cenlle e San Amaro, ademais de Celanova, Toén, Taboadela, Amoeiro e A Merca, que repiten este ano na folla de ruta.
O Rally de Ourense é provincia, moito máis que un evento deportivo, é parte da nosa identidade e seguiremos contribuíndo a engrandecer a súa pegada” (Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense)
O presidente provincial, Luis Menor, incidiu en que “o Rally de Ourense leva 58 edicións forxándose como un dos nosos grandes tesouros no ámbito do patrimonio deportivo e turístico”, e rememorou como aqueles visionarios como Lalao (Estanislao Reverter), Alfonso Bouzo, J. Luis Outeiriño, Emilio Pérez ou Antonio Fraga, entre outros, decatáranse no 1967 do potencial que tiñan entre as mans e organizaron a primeira edición.
Charla cos pilotos de Rally Javier Pardo, Cohete Suárez, David de la Puente e Alberto Iglesias
Co gallo da disputa do 58º Rally de Ourense, a Deputación organiza o vindeiro mércores 11 de xuño no Pazo Paco Paz unha charla cos pilotos e copilotos de rallyes máis relevantes a nivel nacional e europeo: o ourensán Javier Pardo, Cohete Suárez, David de la Puente e Alberto Iglesias. Ademais, o primeiro deles presentará a nova imaxe do seu Skoda.
Unha vez finalizada a charla coloquio, os pilotos e copilotos firmarán tarxetas e gorras a todas as persoas asistentes e que así o soliciten. Este evento, organizado pola Deputación aproveitando a disputa do Rally de Ourense, será tamén retransmitido por streaming na canle da entidade provincial.