O Certame Literario Concello de Ames entregou os premios aos 18 gañadores dun total de 158 traballos de poesía e narrativa presentados a esta vixésimo segunda edición nas diferentes categorías
O Certame Literario Concello de Ames entregou, o pasado sábado no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, os premios da súa XXII edición nun acto literario-musical no que participaron 13 dos 18 gañadores nas modalidades de poesía e de narrativa. Todos os textos premiados publicaranse nun libro colectivo que verá a luz no mes de abril de 2026.
O Certame Literario Concello de Ames é un concurso xa consolidado no panorama literario galego e referente para os creadores e creadoras en lingua galega. Neste 2025 presentáronse un total de 158 traballos procedentes de toda Galicia e mesmo doutros puntos máis afastados da nosa xeografía.
Nestes vinte e dous anos de traxectoria, o Certame Literario contou coa presentación de máis de 3.000 obras, das que foron premiadas un total de 396. Nesta edición, os traballos premiados proceden dun total de 11 concellos diferentes: Ames, Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Nigrán, Touro, Oroso, Bueu, Allariz, Lugo e Porto do Son.
Así, o xurado premiou neste XXII Certame Literario Concello de Ames premiou os traballos na modalidade de narrativa de Iria Martínez Mosquera, Adriana González Leira e Ana López Canosa, na primeira categoría; Elvia Pérez Álvarez, Roi Álvarez Castro e Sarah Muñoz Costa, na segunda categoría; e Alberte Momán Noval, Clara do Roxo e Francisco Javier Fernández Davila, na terceira categoría.
Na modalidade de poesía, as persoas galardoadas foron: Arwen Fernández García, Maré Candales González e Luís Moreno Comesaña, na primeira categoría; María Rodríguez Maroño, Carme Pereira Troncoso e Roi Álvarez Castro, na segunda categoría; e Israel Martínez Veiga, Miriam Ferradáns Ferradás e Patricia Torrado Queiruga, na terceira categoría.
O certame literario de Ames é proba de que cando algo funciona é mellor non tocalo moito. Este certame leva descubrindo talento e premiando a xente xa consagrada dende hai 22 anos e oxalá poidamos seguir vendo a novos talentos dentro de outros 22. Xa é un evento de recoñecido prestixio dentro do mundo literario en Galicia”, que mostra ao todo o país todo o talento que temos no Val da Maía e nos arredores” (Blas García, alcalde de Ames)
O xurado desta edición do certame estivo composto por María López Sández, Manuel Núñez Singala e Mariña Pérez Rei, pertencentes ao ámbito literario e referentes na creación literaria galega actual. Tras a entrega de premios o xurado destacou a alta calidade dos traballos presentados.
A gala de entrega dos premios estivo conducida pola xornalista de Ames Radio, Belén Martínez, mentres que a parte musical correu a cargo do alumnado da Escola Municipal de Música de Ames, coa participación da agrupación de violín, do grupo combo folk e de música e movemento.
O Certame Literario en cifras
Un ano máis, a categoría con maior participación foi a sección para persoas maiores de 18 anos na modalidade de poesía, na que se presentaron 72 traballos. Na mesma franxa de idade dentro da modalidade de narrativa recibíronse 47 obras. Nas outras dúas categorías de poesía, dirixidas a persoas de menos de 13 anos e a autores e autoras de entre 14 e 17 anos, recibíronse 13 e 5 textos, respectivamente. Na categoría de narrativa nesas mesmas franxas de idade, presentáronse 13 e 7 traballos, respectivamente. En total, participaron no concurso 90 textos poéticos e 67 narrativos.



