A segunda edición do Xantar Veciñal do Concello da Baña xuntou onte domingo 15 de xuño no pavillón de San Vicenzo a máis de 500 persoas que compartiron un menú composto por empanada, polbo, carne ao caldeiro, tarta larpeira e xeados.
Organizada pola Concellería de Acción Social, cultural e de servizos a cidadanía, a xornada comezou coa música de Faíscas da Pontraga, que lle deron a benvida as persoas participantes con sons e ritmos tradicionais galegos.
Na sobremesa do xantar veciñal a música volveu ser a protagonista, coa segunda actuación do grupo local e unha DJ, antes de que dese comezo o bingo no que se sortearon tres lotes de produtos galegos. Os gañadores do bingo foron Antonio Pensado Louzao, Víctor Pías Rodríguez e Domingos Tourís Fornos. A concelleira Mónica González foi a encargada de entregarlle os agasallos.
Nesta segunda edición do xantar veciñal do Concello da Baña participaron o alcalde José Antonio Pereira, así como os concelleiros e concelleiras do grupo de goberno.











