PUBLICIDADE

O Concurso de Disfraces de Entroido da Baña repartirá 3.350 euros en premios


Un dos grupos participantes na pasada edición do Concurso de Disfraces de Entroido no concello da Baña
Un dos grupos participantes na pasada edición do Concurso de Disfraces de Entroido no concello da Baña

O Concurso de Disfraces de Entroido do Concello da Baña terá lugar o sábado 8 de marzo e haberá premios para as mellores carrozas, comparsas, grupos e disfraces individuais tras o desfile polas rúas da vila

O Concurso de Disfraces de Entroido do Concello da Baña, o vindeiro sábado 8 de marzo, repartirá 3.350 euros en premios tras o desfile que percorrerá as rúas Castelao e Tedelle a partir das 16.30 horas. Os premios repartiranse entre os mellores disfraces nas distintas categorías: carrozas, comparsas, grupos e disfraces individuais.

Así, a mellores carrozas e comparsas gañadoras do Concurso de Disfraces de Entroido da Baña recibirán un premio de 900 euros, concedéndolle ás segundas e terceiras clasificadas 400 e 150 euros, respectivamente. Na categoría de grupos, o primeiro premio será de 150 euros e o segundo de 100 euros. Ademais, tamén se concederán premios individuais, cunha dotación de 100 euros tanto para a categoría infantil como para a de adultos.

Os grupos participantes no Concurso de Disfraces de Entroido da Baña deberán contar cun mínimo de dúas persoas e cun máximo de seis, mentres que as comparsas deberán ter polo menos sete membros. As carrozas tamén precisarán dun mínimo de sete participantes, ademais dun vehículo móbil con tripulación.

PUBLICIDADE

Durante o desfile do Concurso de Disfraces de Entroido cada participante -a inscrición pechouse o pasado mércores 19 de febreiro- dispoñerá dun máximo de cinco minutos para exhibir o seu disfrace e a súa actuación diante da escola de música Emilio Andújar. O xurado, composto por persoas alleas á organización, valorará a orixinalidade, a posta en escena e o coidado no vestiario e maquillaxe, especialmente o traballo feito a man e o emprego de materiais de refugallo.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.